monte pindoVerdegaia dá o seu apoio á Asociación Monte Pindo Parque Natural que dende fai varios anos loita porque o Monte Pindo sexa proclamado Parque Natural, unha proposta que conta cun amplísimo respaldo social pero que na administración responsable, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, caeu en oídos xordos.

Os fundamentos principais que avalan esa convicción son os seguintes:

1. O Monte Pindo é un dos montes máis míticos e coñecidos da Costa da Morte e tamén de Galicia, polas súas raras calidades xeolóxicas, pola presenza de abondosas especies naturais protexidas e únicas, polos mitos e a historia que o rodean, e por ser un dos principais recursos de futuro non só do seu entorno inmediato senón de toda a zona.

2. No Monte Pindo conxúgase unha privilexiada posición xeográfica, un cumio de 627 metros situado xusto a rentes do mar e encadrado pola praia de Carnota (a máis longa de Galicia) ao sur e pola Fervenza do Ézaro (a única de Europa que cae sobre o mar, desgraciadamente anulada por un encoro) ao norte.

3. Na actualidade o Monte Pindo e o seu entorno natural está abandonado e abocado ao progresivo deterioro. As ameazas (incendios, vandalismo, campismo agresivo, incursións en vehículos motorizados…) medran cada día, polo que se fai urxente actuar sen perder máis tempo.

4. A declaración do Parque Natural artellaría mecanismos para, desde o consenso social de todos os sectores, estudar os seus problemas e atopar solucións.

5. A declaración do Parque Natural xeraría por si mesmo un número de postos de traballo.

6. A declaración do Parque Natural suporía a dotación dunha partida presupostaria específica, o que non se da con outras figuras de protección.

7. A declaración do Parque Natural incrementaría a prioridade presupostaria de toda a área de influencia do futuro parque, incluso a nivel de investimentos non estritamente ligados ao medio ambiente.

8. A declaración do Parque Natural abriría múltiples posibilidades de revitalizar a produción non industrial (mar, agro, madeira, artesanía, etc…) de toda a zona, podendo incluso crearse un “selo de calidade” que suporía un valor engadido para os produtos de toda a área de influencia.

9. A do Parque Natural é unha “marca” moi prestixiosa e xera por si mesmo unha afluencia de “turismo verde”, o que implicaria un forte impacto de visitantes “de calidade” que sen dúbida incidirá no sectores turístico, hostaleiro e comercial de toda a zona.

10. Todo o anterior, unido á proximidade do Cabo Fisterra, de Monte Louro… pode impulsar dun xeito definitivo o bo nome da Costa da Morte como referencia dun turismo de calidade nacional, estatal ou mesmo internacional.