-A Consellaría pretende realizar 130 queimas “controladas” nas demarcacións de Fisterra, Terra de Lemos, Verín e O Condado.
-A fase piloto que contempla estes 4 distritos forestais queimará unhas 600 hectáreas de terreno.
-100 Km de desbroces, corta-fogos, eliminación de eucaliptos e piñeiros de marxes de estradas e melloras de pistas que implicará a corta de case 5.000 árbores nestes 4 distritos.
-Esta fase pretende estenderse ao resto dos 19 distritos forestais do país con centos de queimas “controladas”, millares de hectáreas queimadas e millares de árbores cortadas.
Monte Pindo. Imaxe de José Antonio Gil Martínez. https://www.flickr.com/people/17364971@N00

Enterados pola prensa (https://www.europapress.es/galicia/agro-00246/noticia-planes-piloto-antincendios-cuatro-distritos-forestales-impulsaran-actuaciones-zonas-abandono-20200521120435.html) do Plan Piloto da Consellaría de Medio Rural que contempla a corta de millares de árbores e a queima “controlada” de millares de hectáreas de superficie forestal, a Asociación Ecoloxista Verdegaia quere manifestar o seu descontento com estas prácticas que non levan máis que a perpetuar un sistema de “loita anti incendios” obsoleta e falto de prevención que tanto nós como outras organizacións da sociedade civil e os propios traballadores dos servizos anti incendios, vimos denunciando desde hai anos.

En primeiro lugar consideramos que os incendios se apagan durante todo o ano e a política da Consellaría sigue insistindo en concentrar estes labores só na época de verao e xa encima do pior período de incendios anuais. Neste ano podemos comprender que a situación provocada pola pandemia causada pola Covid-19 situase estas accións nesta época do ano. Pero non é a pandemia a que leva a actuar desta maneira xa que se perpetua ano a ano, sen labores de prevención que abarquen o ano enteiro.

Opinamos que as medidas de realizar corta-fogos podem ser necesarias en moitas zonas, pero iso non debe levar á destrución anual de millares de hectáreas de bosque por unha falta de planificación na diversificación vexetal dos nosos montes. A plantación de monocultivos de eucaliptos e de piñeiro son un dos principais problemas á hora de perpeturar incendios cada vez mais grandes e debastadores que ven de confirmar a propia consellaría ao anunciar que as árbores sobre as que van facer a limpeza son principalmente esas dúas especies.

Os incendios, mesmo os controlados, e cando abranxen superficies grandes, son tamén foco importante de emisión de Gases de efecto invernadoiro (GEI) causantes do cambio climático. As políticas públicas non deberían fomentar a queima de grandes superficies e ademais xa ten ocorrido en ocasións que as queimas “controladas” acaban en incendios extensos e prolongados.

A corta de árbores para facer limpeza pode responder a actuacións que coinciden con traballos tradicionais realizados nos montes, porén a realización destas actividades en zonas que xa sofreron incendios anteriormente e que se encontran en fase de recuperación, como é o caso da proposta sobre o monte Pindo, debe ser realizada coidadosamente e debería permitir o crecemento e expansión do bosque autóctono que favoreza que a zona se recupere de maneira natural. Ao mesmo tempo lembramos que esta zona está chamada a ser conservada coa declaración de Parque Natural e que as medidas realizadas sobre ela deberían ser de conservación e ampliación da superficie de especies de árbores e vexetación autóctona e a eliminación de especies de crecemento rápido e pirófitas que fomentan os incendios.

Queremos sinalar, como reiteramos en moitas ocasións, que a mellor prevención contra os incendios é contarmos cunha superficie forestal que fomente a biodiversidade e a variedade de especies autóctonas e a eliminación de especies invasivas e alóctonas que favorecen os incendios. Contarmos con maior superficie de bosque, ampliación das zonas protexidas e labores silvícolas realizados durante todo o ano, xunto coa naturalización de espezos naturais, é a mellor prevención.

E por último queremos indicar que a mellor loita contra os incendios é contarmos cun medio rural vivo. Continúan faltando desde as administracións públicas o fomento da ruralización da sociedade e o desenvolvento das zonas rurais con políticas agrarias e gandeiras que favorezan a vida e o asentamento de poboación, con servizos de calidade que faciliten e dignifiquen a vida nas zonas rurais e despoboadas.