Verdegaia, ante a creación do Foro pro Ave, a iniciativa do Concello de Ourense, foi convocada, xunto con outras organizacións sociais, sindicais e ecoloxistas, á xuntanza celebrada o día 23 de novembro a iniciativa da tenencia de alcaldía do Concello de Ourense. O acto, segundo a información que se lle deu a esta organización, pretendía recoller as diversas opinións dos colectivos convocados ao respecto do trazado do AVE ao seu paso pola cidade de Ourense.
Nesta xuntanza, Verdegaia manifestou claramente a súa postura ante a construción do AVE:
-Introduce graves impactos ambientais e sociais, que están sendo infravalorados e moitas veces até ignorados. O investimento necesario para poñer en marcha este proxecto supón un grande custo de oportunidade, xa que estes recursos poderían destinarse a mellorar o ferrocarril convencional, necesario para a vertebración do país e para desenvolver un modelo de transporte accesible para todas as persoas, independente do lugar xeográfico no que se atopen e das súas posibilidades económicas.
–Implica un alto consumo de enerxía non renovable e polo tanto non é un modelo que vaia contribuír a cumprir as esixencias do Protocolo de Kioto. Recordamos que o Estado Español é, despois de Portugal, o máis afastado dos límites de emisións de gases de efecto invernadoiro establecidos por este Protocolo.
-Ocupa unha superficie excesiva de terreos máis útiles para outros usos, atravesa e altera grandes espazos naturais, fragmenta fortemente o territorio e contribúe ao aumento dos desequilibrios entre zonas rurais e urbanas.
-Os estudos amosan que non existe unha relación directa entre a construción deste tipo de infraestruturas e o desenvolvemento económico, senón que conclúen que cando unha infraestrutura de alta capacidade une dous puntos, un máis desenvolvido e outro menos, o resultado final é que o extremo máis rico acaba succionando os recursos do menos desenvolvido e polo tanto xenera perdas netas para éste.
Por todos os argumentos descritos anteriormente, Verdegaia nunca vai a formar parte dun Foro que recibe o nome de Pro AVE.
AVE na cidade de Ourense
Ao respecto do paso do AVE á súa entrada á cidade de Ourense, dende Verdegaia esíxese que se abandone a construción de liñas exclusivas de viaxeiros para a alta velocidade ferroviaria, e se executen vías de tráfico mixto, susceptibles de ser usadas por todo tipo de trens, ademais de minimizar os impactos socioambientais e respectar o cumprimento da normativa existente nas materias que lle son aplicables, respectando sobre todo os usos e espazos públicos. Este proxecto non pode ser un instrumento que fomente a especulación cos espazos destinados á cidadanía, xa escasos hoxe en día.
Nun proxecto desta envergadura, a participación cidadá é unha cuestión fundamental, e obriga ineludible dos responsables políticos, polo que Verdegaia esixe ao Concello de Ourense o esforzo e compromiso de chegar a toda a cidadanía, porque toda está afectada por este proxecto.