Verdegaia vén de presentar alegacións ao proxecto PO/17/161.01.1, que é parte da construción da Vía de alta capacidade (VAC) entre A Guarda e Tui, que consiste basicamente no desdobramento dun treito de 2,1 quilómetros da PO-552 entre as parroquias de Goián e Estás no concello de Tomiño.

Verdegaia rexeita este proxecto por considerar que:

1. Promove a utilización de vehículos causantes da Mudanza climática;

No actual contexto de emerxencia climática, no que o transporte por estrada representa o 25% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro, débense tomar medidas que desincentiven o uso de vehículos motorizados privados e que promovan o uso de transportes menos contaminantes como o bus, o tren ou a bici.

Aínda así, a Xunta de Galicia segue insistindo nun modelo de mobilidade baseado na construción de grandes infraestruturas que promoven o uso intensivo dos vehículos máis contaminantes ignorando os avisos sobre as nefastas consecuencias ambientais e sociais que implica.

2. Destrúe superficie rural e forestal e supón unha ameaza para especies en perigo de extinción

Contribúe a seguir artificializando e cementando un territorio no que predominan solos agrícolas e forestais. Solos que debían ser obxecto de especial protección ante a inminente situación de resiliencia a que nos veremos abocados no medio prazo;

A zona de actuación da obra limita con áreas de potencial presenza da Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), unha ave en perigo de extinción;

A obra esixe o transporte de 136.000 metros cúbicos de terras en camións con capacidade aproximada de 20 metros cúbicos, o que supón a realización de máis de 6.000 viaxes nun medio de transporte extremadamente contaminante.

3. É unha obra innecesaria

No gráfico comparamos o tempo que tarda un vehículo en realizar o treito entre Goián e Estás na vía actual co tempo que tardará na vía proxectada. Como se pode observar, o aforro de tempo será mínimo, en torno a 7 segundos. Porque na práctica o espazo que se poderá percorrer a 90 km/h (fronte á actual velocidade máxima de 70 Km/h) será de só 758 metros. Polo tanto quérese xustificar o gasto de 12.000.000€ para que un vehículo, que respecte a sinalización, poida aforrar uns 7 segundos entre Goián e Estás, a custa de máis aceleracións (maior contaminación) e maiores velocidades punta (maior risco de accidentes).

4. Aumentará a perigosidade viaria

O desdobramento da vía, tal como se verifica en calquera outra VAC, irá acompañado de un crecente número de infraccións de tráfico, sobretodo de exceso de velocidade dadas as posibilidades que unha vía destas características ofrece aos condutores que son infractores recorrentes.

5. Aumentará os custos de mantemento dunha rede xa sobredimensionada

Tal como se recolle na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050[1], a propia Xunta de Galicia recoñece o sobredimensionamento da rede galega de estradas e o seu impacto no preocupante aumento do ratio Km/persoa/dia das últimas décadas.

Nun momento no que as partidas orzamentarias máis relevantes socialmente (educación, sanidade, servizos sociais, coidado do medio, etc.) sofren continuos recortes, é irresponsable aumentar unha rede viaria xa sobredimensionada comprometendo os custos futuros de mantemento.


[1] https://cambioclimatico.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=86590&name=DLFE-54555.pdf