O flufenoxuron é un pesticida que se emprega en Galicia nas plantacións de eucalipto para combater a praga do escarabello Gonipterus scutellatus, como complemento da loita biolóxica coa vespa Anaphes nitens. O sistema de certificación forestal FSC (Forest Stewardship Council) vén de prohibir o seu uso, ao consideralo altamente perigoso. A empresa NORFOR, pertencente ao Grupo ENCE, pretende obter unha derrogación temporal da prohibición de flufenoxuron nos montes certificados baixo o selo FSC que xestiona.

Verdegaia presentou alegacións contra a derrogación temporal solicitada por NORFOR, ao considerar que non é xusficable. O uso do flufenoxuron está autorizado no Estado español e é usado por propietarios forestais como NORFOR,  mais trátase dun pesticida non permitido nos montes certificados baixo o selo FSC. Por iso, NORFOR -que obtivo a certificación FSC para os montes que xestiona, o que motivou a queixa de diversas organizacións, entre elas Verdegaia- solicitou unha derrogación parcial. Verdegaia contestou esta solicitude e propuxo como alternativas ao uso do flufenoxuron a eliminación dos eucaliptais nas zonas máis afectadas pola praga do Gonipterus e o uso do bio-insectida azidaractin.

Máis información:

Comentarios Verdegaia solicitude derrogacion flufenoxuron norfor