A asociación ecoloxista Verdegaia vén de apresentar alegación á planta cementeira que se pretende instalar no poligono empresarial de Pazos, perto de Padrón. A tramitación da licenza municipal está envolvida de irregularidades como a emisión dos informes municipais en menos de 24 horas desde a apresentación da solicitude por parte da empresa. A planta pretende localizarse a douscentos metros dos núcleos de Pazos e Lamas, a carón do río Sar e na área periurbana de Padrón.
A memoria técnica xustifica a actividade como orientada ás obras do AVE entre Rialiño en Dodro, sen existir a certeza de que se estea a tramitar unha planta provisional, ou esta orientación é -por contra- unha desculpa para instalar definitivamente a cementeira no lugar. En calquera dos casos, e unha vez máis para o AVE, exímense dos informes de impacto ambiental.
A cementeira é unha fonte de contaminantes como as partículas en suspensión (pó), tránsito contínuo de camións, vibracións, ruido e substancias químicas. Estas son precisamente as condicións recollidas na lei de Protección Ambiental de Galiza para a consideración de actividades como molestas, insalubres, nocivas e perigosas, e para as que se esixen as avaliacións de impacto ambiental que neste caso semella que se queren obviar.
A parcela onde se pretende ubicar, foi xa obxecto dun recheo do que se descoñece que tivese as correspondentes autorizacións estando na zona de influencia do LIC Ulla-Deza (perto da Brañas de Laíño).
Verdegaia solicita -en colaboración coa veciñanza do lugar- que o concello denegue a licenza ou autorización para esta actividade.
Alegacións a cementeira de Padrón