Alegamos o expediente DH.A36.88645. Procedemento ambiental e solicitude autorización captación de augas nos concellos de Agolada, Santiso e Palas de Rei para o proxecto Gama da empresa Altri-Greenfiber na Ulloa e solicitamos transparencia no acceso á información e que denega á mercantil Greenfiber SL a autorización que solicita para a concesión para unha captación de augas.

Os documentos presentados son pouco transparencia sobre os procesos que se pretenden levar a cabo. Recollen unicamente as características técnicas das obras de entubado, captación das augas, percorridos dos entubados, listaxe de parcelas e expropiacións afectadas, listaxe de parte dos recursos naturais e patrimoniais que se verían afectados e medidas prevención de riscos a seguir durante os traballos das obras previstas, sen analizar as repercusións no medio nin ter en conta a Lei 21/2013 de 9 de decembro. No estudo ambiental non recolle nin avalía as afeccións do proxecto conforme á lei, sen a maioría de informes que avalíen como e con que se vai cumprir.

Non avalía nin analiza os efectos significativos que terá esta captación e vertido sobre o ambiente e o medio hídrico, incluíndo os efectos sobre os seguintes factores: a poboación, a saúde humana, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, a terra, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, o cambio climático, a paisaxe, os bens materiais, incluíndo o patrimonio cultural, e a interacción entre todos os factores mencionados que deberá incluír tanto a avaliación ambiental estratéxica como a avaliación de impacto ambiental, atendendo a que este proxecto tería un impacto e efecto significativo ao supor unha alteración de carácter permanente e de longa duración practicamente en todos os factores sinalados. Engadir que ao afectar a espazos de Rede natura 2000, e ter efectos apreciables que a empeorarían non definen o estado de conservación dos hábitats e especies así coma ao seu restablecemento.

Os documentos non cuantifican nin analizan os posibles efectos significativos sobre o ambiente derivadosdo proxecto de captación e de vertidos, nin se identifican nin analizan as situacións e solucións sobre os aspectos de vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou de catástrofes, sendo obrigatoria a análise dos probables efectos adversos significativos no medio ambiente no caso de ocorresen; limítase a afirmar que se terán en conta todas as posibles afeccións e se vixiará, sin apreciar que se teña capacidade real para asumir e propor solucións, chegado o caso, de facer fronte a riscos, accidentes, afeccións ao medio e en especial ao hídrico. Tampouco analiza as diversas alternativas que puideran ser razoables, técnica e ambientalmente viables. Non determina as medidas necesarias para previr, corrixir e, se fora preciso, compensar, os efectos adversos sobre o ambiente e quen terían a responsabilidade.

Dentro das obrigas de lei ambiental recóllese a obriga de identificar e demostrar a capacidade técnica e as responsabilidades. Nos documentos presentados non queda demostrada esta capacidade técnica e responsabilidades dos autores dos estudos e documentos ambientais presentados, carecendo da calidade e exhaustividade precisas para cumprir coas esixencias da lei en relación á identificación do seu autor ou autores, titulación, profesión regulada, data da conclusión e sinatura do autor ou autores, máxime cando estes serán os responsables do contido e fiabilidade dos estudos e documentos ambientais. Nos documentos figuran identificados os posibles autores, sin datos, ou con siglas, sin especificar titulacións, profesión, nin ningún dato acreditativo da capacidade e experiencias das entidades redactoras dos estudos e informes (Afry e Trillium Consultores), así como o nivel de responsabilidade nos proxectos e os avais depositados pola organización ou organizacións responsables no caso de danos no medio

O alcance do estudo de impacto ambiental tal e como recollen os documentos sería de aplicación á rede de captación e a de vertido, pero non se trata en ningunha parte do documento as características do vertido. Queda fora tamén deste estudo impacto ambiental da parte de accesos á planta, a liña eléctrica soterrada de 15 kV e a LAT 220 kV. Ao longo dos informes faise referencia a numerosos informes que nos se ofrecen para a súa análise, o que fai presupor novas exposicións públicas por “parcelas” que farán perder a auténtica extensión e incidencia do proxecto GAMA.

Os documentos da titular inicial do proxecto, a empresa portuguesa Altri -que pasa a ceder a sua xestión a outra empresa denominada Greenfiber constituida ad hoc en 2022-, ningunha das dúas empresas galega, nin con fiscalidade nesta terra-, está elaborado por AFRY, unha entidade sueca de servizos de enxeñeiría e deseño segundo anuncian na sua web, isto danos o primeiro indicador de que os beneficiarios e emprego que pretende crear Altri non son galegos.

Nos documentos realízase unha modificación de petición de autorización de caudal de máis de 114 l/s ( un desvío de casi 10 millón de litros diarios con respecto ao solicitado inicialmente) o que fai pensar da falta de rigor nos cálculos, argumentando “optimización enerxética” para este aumento. Esta modificación debería ter iniciado a petición de autorización de caudal novamente, máxime cando ademais de modificar este punto, tamén se cambia a mercantil que agora solicita a autorización de captación, sen que coñezamos a vinculación real, nin as responsabilidades, nin obrigas existentes sobre o proxecto de Altri e Greenfiber, o que deixa no limbo as responsabilidades futuras, tampouco é moito de fiar que xusto cando se inicia o proceso de exposición pública se traslade o proceso de autorizacións adminisrativa a unha empresa nobel creada á medida para a súa implantación.

Preséntase un proxecto de captación que realizará obras ao longo de 12.530 metros durante un período de execución de 32 meses con invasión de 381 parcelas privadas en Palas de Rei, Santiso e Agolada, sen que conste conformidade das persoas propietarias, non sendo coñecedoras da situación a gran maioría; non consta ningún trámite previo de información pública a propietarios por parte de ningunha administración; non consta información dos danos e repercusións que esta obra terá para as súas terras, tendo nalgúns casos incluso que acudirse a expropiación con ocupacións definitivas. Entre as parcelas ocupadas non se relacionan os espazos e parcelas públicas que deberían tamén terse en conta para información pública. Afírmase no proxecto que será preciso expropiar terreos particulares, impor servidumes de acueduto e ocupacións temporais e definitivas de terreos afectados polas obras e posterior bombeos de captación e vertido, servidumes que como mínimo serán de 3 metros para a fábrica nos que non se poderá plantar, nin cultivo, nin árbores e a fábrica poderá acceder cando queira a elas con maquinaria incluso aínda que estexa con cultivo. Tampouco se indica cal será a compensación polo uso e os danos, nin durante canto tempo e como se procedería.

Afírmase que para as obras deberán realizarse perforacións e cruces en ríos e estradas (no fondo do encoro do río Ulla, baixo o río Furelos, no rego Seco) que requirirán dunha análise detallada, disponibilidade de xeotecnia e avaliación de aspectos técnicos, paisaxísticos, económicos, etc., que se indican que se realizarán na fase do proxecto construcivo. Pídese unha autorización sen ter completados todos os detalles precisos para a valoración. O procedente sería presentar unha petición de autorización con todos os informes á vista.

Indícase que na exposición pública do trámite de competencia realizado en novembro de 2022 se aportou documentación xustificativa da petición que debería terse exposto a información pública, pero non se produciu. Publicándose só o anuncio no boletín provincial da Coruña en novembro de 2022 e no de Pontevedra en xaneiro de 2023, non chegando a publicarse no da provincia de Lugo en ningún momento, lugar no que se localizaría a fábrica receptora da auga e dende onde se orixinaría o vertido posterior, e que conta tamén con fincas e caudais afectados, así como espazos na rede Natura 2000 da Serra do Careón.

Falan no documento dunha “Memoria proyecto básico AAI” que inclúe máis detalle do proxecto GAMA que explica as “bondades” do proxecto industrial, máis esta documentación non se expón a información pública para a sua valoración.

Afírmase que esta fábrica será un beneficio para a comarca, establecer esta industria como unha “gran empresa tractora nesta zona de carácter rural escasamente industrializada, que suporá un cambio radical no aspecto económico e demográfico” sen presentar ningún dato que avale estas afirmacións. Non podemos considerar a Greenfiber como empresa tractora, xa que non ten ningun proxecto realizado nin aberto en ningún país do mundo, non se ten constancia nin tan sequer que teña persoal algún contratado, funcionando só a través de consultorías externas. Por suposto que suporá un cambio para esta zona rural, un cambio radical que suporá que unha zona cunha biodiversidade única e cunha economía centrada no patrimonio cultural e social – Camiño de Santiago- e na gandaría e agricultura, con gran número de explotacións agrarias en extensivo, protectoras do medio natural e da produción alimentaria de calidade, cun amplo número de explotacións de produción ecolóxica, e cunha riqueza forestal autóctona, se vexa mudado por unha fábrica acaparadora dos terreos para a plantación de eucaliptos, o que redundará no abandono e perda dos empregos existentes e abandono das aldeas, coa conseguinte despoboamento, sumado á perda do valor patrimonial dos terreos e vivendas pola proximidade a unha industria contaminante, ruidosa e emisora de gases ao redor das fincas e vivendas. O forte impacto visual e ambiental dará ao traste cun espazo protexido e cunha reserva hídrica que abastece millares de persoas río abaixo.

Falan de empregos diversos, directos e indirectos pero non se presenta ningún informe que detalle eses postos, nin a sua calidade e estabilidade do emprego, por categorías profesionais nin a duración dos mesmos.

O proxecto tamén fala da necesidade de verter practicamente tres cuartas partes do captado, que se trataría na planta de tratamento, da que tampouco constan detalles sobre químicos usados no tratamento, nin características das augas vertidas con posterioridade, non se ofrecen datos sobre o tipo de depuradora a instalar e os procesos químicos realizados.

Noméase que é unha tecnoloxía probada e de vangarda, máis non fai referencia ningunha a esta tecnoloxía, nin se nomean os exemplos nos que se fixan e onde se probou tal tecnoloxía, seguimos a ter un relato construído a base de fe cega nas afirmacións que se realizan.

Con esta petición de autorización preténdese ter licenza para dispoñer de recursos hídricos suficientes para unha industria inexistente e sen proxecto, que se pon en mans dunha empresa nova titorizada por multinacionais estranxeiras, co fin de ter embargado un caudal a disposición dun futuro proxecto sen redactar e que non foi exposto a información pública e como recoñecen nos documentos terá que “solicitar informes a distintos organismos y entidades potencialmente afectados por las actuaciones proyectadas” un motivo máis polo que consideramos que esta petición de autorización ten que ser denegada mentres non se expoña a información pública o proxecto GAMA na sua totalidade por parte da Consellería de Medio Ambiente para a AIA- Avaliación Impacto Ambiental- e petición de informes vinculantes aos organismos e entidades sinalados.

Afírmase no documento que Greenfiber porá todos os medios para exercer o menor impacto posible no entorno, porén non se indican cales serán os medios, como o farán, cales poden ser os posibles danos e impactos que consideran e como se solucionarían; a inconsistencia deste proxecto queda máis en evidencia cando se chega a afirmar “durante el estudio y tramitación de la evaluación de impacto ambiental del conjunto del proyecto y en el desarrollo del proyecto constructivo de las obras vinculadas a la captación que se solicita, se realizarán estudios detallados para analizar de manera exhaustiva y minimizar los impactos asociados a las actuaciones, teniendo en cuenta que Galicia es especialmetne rica en patrimonio natural, cultural y social. Se prevé realizar un diagnóstico ambiental del medio físico y del medio biótico, así como de la arqueolgía y del medio socioeconómico, entre otros”.

Non vemos posible poder autorizar esta petición de autorización de captación de auga no río Ulla nin a súa posterior devolución de vertido, con semellante afirmación, isto é a confirmación de que a petición é unha declaración de intencións e petición de confianza cega nun proxecto inexistente que non ten avaliados os danos ao medio, que pretenden ir sobre a marcha nun proxecto que está catalogado como estratéxico e que opta a conseguir fondos públicos.

En canto ás afección patrimoniais, e en concreto en relación ao Camiño de Santiago limítanse a afirmar “el proyecto buscará evitar cualquier afección” e se non se consigue? Tampouco existe ningún informe que nos faga acreditar que unha enorme fábrica industrial a menos de 2km do Camiño Francés, visible dende o camiño, ao seu paso polo Coto, límite entre Palas e Melide, non vaia ter afección, visual, sonora, no aire, na súa integridade en xeral, co conseguinte risco patrimonial para manter o recoñecemento deste tramo así como o mantemento da economía vinculada ao camiño na zona, pola máis que probable perda de peregrinos que optarán por rutas alternativas, véxase Camiño Inglés, Ruta da Plata, Inverno…

Os cálculos realizados sobre o caudal ecolóxico do encoro realízanse sobre datos anteriores ao 2021 e sobre o anterior plan hidrolóxico Galicia-Costa, cando se debería realizar sobre o recollido na revisión do PHGC 201-2027. A detracción de auga solicitada por Greenfiber para a o proxecto Gama non asegura o caudal suficiente que permita compatibilizar todo o ano o abastecemento da poboación, outros consumos – piscifactorias, usos recreativos, tránsito do ferri, uso hidroeléctrico- o da fábrica, e o caudal ecolóxico, polo que en épocas de seca e restricións a fábrica tería que estar obrigatoriamente parada sen poder captar o caudal que require, cuestión que non se asume no proxecto, o de deixar de captar auga en época de seca. Tampouco aclara a mercantil cal sería o pago a realizar polo auga solicitada e o canon de vertidos a pagar.

Non se presenta ningún informe nin autorización das obras de LAT e conexión eléctrica necesaria para o bombeo das augas de captación e vertidos destas augas, limitándose a indicar que a enerxía procederá da fábrica e dunha breve enumeración dos servizos que se contemplan para este fin, afirmando que se construirá unha subestacion de apertura de liña de alta tensión Belesar Mesón do Vento. Indícase: “Desde la fábrica (sala eléctrica de la estación de tratamiento de agua) partirán dos líneas de media tensión (15kV, 3x1cx240mm2), de unos 13 km de longitud, hasta 2 centros de transformación que se localizarán en el edificio de la estación de bombeo de la captación.”

Plantéxanse dispositivos de limitación de acceso perimetral á plataforma flotante de bombeo no embalse de Portodemouro que impedirán o achegamento de embarcacións e que quedará permanente durante a fase de explotación, sen que se saiba realmente canto é ese tempo e se se contemplan prorrogas da autorización de captación. Tampouco se indica cales serán eses dispositivos e que incidencia poden ter na flora e fauna do encoro.

Para o análise cartográfico sinalan como referencia: “La cartografía base empleada fue la facilitada por la Xunta de Galicia “Base topográfica de Galicia 2002-2003”, cando o Plan básico autonómico estaría máis actualizado e completo, con todas as referencias precisas, que neste documento se obvian.

Algúns documentos dos cálculos hidráulicos están realizados sobre datos de extracción de 640 l/ segundo e noutros para 532 l/s.

A parcela onde se pretende realizar unha actividade industrial, é unha parcela de uso agrario, o terreo non está catalogado para uso industrial. O cambio de uso sería permitido polo carácter estratéxico do proxecto.

A planta suporía un gran impacto visual, as 366 ha. Que ocuparía equivale á extensión da cidade de Santiago, lindando coa autoestrada en proxecto Lugo-Santiago, e a menos de 2km do Camiño Francés ao seu paso polo Coto e da Ruta Eurovelo 3. Inclúese dentro do terreo da fábrica a Lagoa protexida da Quinta para a que non se explican as medidas e monitoreo a adoptar para evitar a súa contaminación futura. O proxecto sinala tamén a posibilidade de futuras ampliacións e modificacións sen especificar máis, o que nos confirmar a sospeita de futuras ampliacións e da necesidade de maior volume de captación de recursos hídricos.

Alegacións completas