Arredor dunhas vinte persoas xuntámonos o pasado sábado 22 de outubro en Froxán (Folgoso do Courel), na antiga taberna da Píntega. Houbo representación da comunidade de montes da propia aldea, ademais das de Vilamor e de Parada dos Montes. Tamén veciñas e veciños e persoas vinculadas dalgún modo ao Courel, así como socias e socios de Senda Nova, APDR, ADEGA e Verdegaia, colectivos que facemos parte da Federación Ecoloxista Galega. O contexto púñao a negrura mesta dos montes que rodea dende o verán moitos dos núcleos da serra, aqueles nos que cando menos non entrou o lume. Outros viron correr as lapas polos seus rueiros.O obxectivo do encontro era establecer un achegamento entre comunidades locais e a federación ecoloxista en base a dous eixos temáticos: o novo escenario que abre o cambio climático en relación aos grandes lumes e as posibilidades de colaboración entre a FEG (ou o ecoloxismo en xeral) e as comunidades nas tarefas de recuperación da zona.

Abrimos a xornada compartindo reflexións sobre a incidencia do cambio climático e as novas necesidades de xestión dos montes, en especial tendo en conta o proceso de avellentamento que está a vivir o Courel e tantas outras zonas de Galiza. Pasamos logo a pór en común ideas sobre tres cuestións concretas: que se está a facer dende as comunidades para a recuperación das áreas queimadas, que se debería facer no futuro e que posibilidades existen de colaboración entre a FEG e as comunidades de montes locais neste sentido. Como resumo da xornada podería servir esta listaxe de propostas:

Que destacamos do que se está a facer?

  • A creación de fórmulas de coordinación tanto con comunidades de montes como con persoas a título individual, para organizar nas aldeas as actividades precisas tras os lumes.
  • Tarefas de prevención da erosión dos solos.
  • Creación de circuítos de alimentación animal para a fauna salvaxe nos montes queimados.

Que priorizamos como posibles accións futuras dende as comunidades?

  • Mudar o modelo de aproveitamento dos montes para buscar fórmulas máis diversas que minimicen a extensión das plantacións de piñeiros: usos forestais, micolóxicos, agrogandeiros, enerxéticos (na procura de maior autonomía neste eido), etc.
  • Mellorar a xestión das augas con atención ao contexto de cambio climático e ao risco de lumes.
  • Crear vías de comunicación entre comunidades de montes galegas con certa afinidade para compartir experiencias.
  • Fortalecer ás propias comunidades, en especial tras un feito de tanto impacto como os lumes. Un impacto que é natural, social ou económico, pero tamén emocional.
  • Continuar coas tarefas precisas de recuperación dos terreos.

Que liñas de colaboración potenciais poderían darse entre a Federación Ecoloxista Galega (ou os colectivos ecoloxistas en xeral) e as comunidades locais?

  • Crear programas de actividades na zona con certa estabilidade e organización.
  • Achegar coñecementos técnicos que permitan unificar criterios e pautas de actuación nas labores de recuperación das terras, flora e fauna.
  • De cara á sociedade en xeral, difundir a importancia do problema dos lumes e formar para unha mellor comprensión do mesmo, tendo en conta a súa complexidade á que se suma o contexto de cambio climático.
  • Facer presión sobre as administracións para acadar un cambio de modelo forestal que rache co actual, focalizado nas plantacións en monocultivo de piñeiros ou eucaliptos.

Dende os colectivos da FEG presentes puxémonos á disposición das comunidades locais para colaborar no que poidamos, sexa nas tarefas de formación, difusión ou organización de actividades de voluntariado. Neste sentido é de destacar que xa existe unha rede de persoas que leva un tempo realizando intervencións directas para a restauración dos montes na zona, polo que non se trata de solapar esforzos, senón de coordinalos. Para as asociacións da FEG é tamén unha oportunidade de trasladar a nosa experiencia na defensa da natureza a persoas que poden non coñecela. Nun mundo que se move tan rápido e tan a golpe de impulsos, moitas veces créanse correntes paralelas entre o ámbito das organizacións e certas iniciativas máis espontáneas e informais. Tender pontes entre ambas esferas pode enriquecelas mutuamente, para acadar accións máis profundas e sostidas no tempo, neste caso en relación á recuperación do Courel.

Cando nos despedimos da serra as nubes comezaban a descargar auga. Unha choiva necesaria que ao tempo cae no Courel como o rocenunha cicatriz. Aínda que os fentos comezan a inzar nalgunhas abas, e sobreiras ou carballos abrollan con forza, quedan demasiadas hectáreas de terra negra e carente de toda cuberta vexetal, totalmente exposta á escorrentía. Sandra, Marcos ou Manuel contárannos como eses días foi a xente das aldeas quen puido salvalas da queima. A xente… e as vacas, as cabras, alí onde o gando aínda tiña limpos prados e camiños. Medios, escasos. Helicópteros, ben poucos. Persoas e animais fronte ao lume. Tan importante vai ser restaurar as feridas na terra como reter a memoria dos feitos, para aprender, repensar, cambiar.