Verdegaia ven de denunciar o abandono dun vehículo completamente enferruxado nos cantís do Cabo Prior (Covas), Concello de Ferrol, a escasos metros do faro existente. O abandono deste vehículo, do que só queda o chasis, a carrocería e o motor, efectuouse nunha zona declarada como Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C. "Costa Ártabra") e como Zona de Especial Proteción para as Aves (Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño").
Dito vehículo, foi precipitado polos cantís do Cabo Prior coa suposta intención de guindalo ao mar mais a irregularidade do terreo impediu este hipotético cometido, ficando na metade da aba do citado promontoiro. Pese a que os feitos xa foran postos en coñecemento da Policía Local de Ferrol e do Servizo de Proteción da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil o pasado verán, persoándose ambos corpos policiais no lugar dos feitos, o vehículo leva abandoado desde, cando menos, a primavera sen que as autoridades competentes procedesen á súa retirada.
Por outra banda, como resultado das recentes obras de rehabilitación do faro existente no Cabo Prioiro (Covas), deixáronse abandoados un número indeterminado de resíduos de construción na contorna de dita instalación. Restos de entullos, area, vidro, plásticos, caldeiros e artesas de albanelería, ferralla, fiestras de madeira esnaquizadas, etc., fican na actualidade espallados pola zona. Ademáis, o vento está a espallar pola contorna os plásticos abandoados e unha parte dos resíduos foron incinerados nas inmediacións do faro.
Estes feitos foron denunciados ante o Concello de Ferrol, a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, a Demarcación de Costas en Galicia e ante a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.