Segundo Ecologistas en Acción, o acordo ao que se chegou en Bali deixa demasiadas portas abertas a contidos insuficientes e inxustos de cara a substituír o Protocolo de Quioto a partir de 2012. Os países en desenvolvemento demostraron que o principio da "responsabilidade partillada pero diferenciada" para afrontar o desafío das alteracións climáticas é asumido por éstes cun maior grao de conciencia que os países industrializados.
O acordo de Bali debía incluír de xeito inequívoco, e nun lugar preferente, un rango de redución de emisións para os países industrializados antes do ano 2020, de 25-40%. Nese escenario o aumento de temperatura ficaría con moita probabilidade por debaixo dos perigosos 2ºC.
A chamada Folla de Rota de Bali non expresa claramente este rango de redución para os países industrializados, que son os maiores responsables do problema do cambio climático, tanto no presente como historicamente. O documento saído de Bali expresa contidos moi xenéricos, podendo ser interpretados facilmente desde a ambiguidade máis improdutiva.
A balanza, unha vez máis, está desequilibrada. Os países en desenvolvemento tenderon a man e comezaron a dar pasos no senso dos acordos voluntarios no futuro. Demostran que, o principio da "responsabilidade partillada pero diferenciada" para afrontar o desafío das alteracións climáticas, é asumida por éstes cun maior grao de conciencia que os países industrializados.
Avanzos
Entre os aspectos positivos, habería que salientar os avanzos conseguidos no Fondo de adaptación aos efectos do cambio climático; a deforestación evitada, a conservación dos bosques como forma de reducir o 20% de emisións que supón este apartado; a transferencia de tecnoloxía aos países en desenvolvemento e empobrecidos para conseguiren o seu progreso de xeito limpo e sustentable; e o recoñecemento ao traballo do IPCC, o Grupo de Expertos sobre Cambio Climático da ONU, no 4º Informe presentado durante este ano 2007.
Acordo en 2009
Ecologistas en Acción sostén que un mundo mellor é necesariamente un mundo máis xusto, onde todos os seus habitantes gocen dos mesmos dereitos, incluído o dereito a utilizar unha enerxía de orixe limpa e en cantidade suficiente para o seu desenvolvemento humano. O camiño cara a ese mundo mellor pasa por que todos os seus habitantes emitan a mesma cantidade de Gases de Efecto Invernadoiro. Para conseguir ambos os obxectivos é esencial levar a cabo, de maneira independente e urxente, o acceso ás tecnoloxías limpas para as persoas menos favorecidas e, por outra banda, a redución drástica das emisións dos países industrializados no seu propio territorio.
Máis información:
Crónicas desde Bali do representante de Ecologistas en Acción