A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro, da que fai parte Verdegaia, convoca a súa V Andaina. Este domingo 11 de maio pedimos PARQUE NATURAL para esta serra porque consideramos que as ameazas que pesan sobre ela só poden ser afastadas con unha figura administrativa desta índole.
Como continuación xeográfica e natural que é do Monte Aloia, porque os seus valores naturais e patrimoniais non son menores que os de aquel e porque a ampliación do parque favorecería ao propio Aloia, esta debera ser a figura da súa protección.
Se ao proxecto de parque eólico en Galiñeiro se sumou o da mineiría a ceo aberto para a extracción dos minerais chamados Terras Raras non debemos esquecer tampouco que día a día esta serra está exposta a intervencións lesivas para os seus ecosistemas e a súa paisaxe sen apenas control. As menores pero continuas e diarias actuacións en forma de pistas, depósitos de diferentes entullos, canteiras sen control, captacións de agua irregulares, pisoteos de motos e quads, destrución dos petróglifos, roubo de pedras curiosas e outras intervencións no terreo van alterando paulatinamente e urbanizando o lugar.
A demanda que a extensa poboación desta bisbarra fai de Galiñeiro como lugar de lecer e fonte de recursos precisa dunha regulación que permita aos cidadáns o seu uso e disfrute e que ao mesmo tempo preserve os hábitats da serra.
Galiñeiro ten valores etnográficos, patrimoniais e naturais como para que esta figura de Parque Natural se materialice xa. Por esta razón, a Plataforma comezou a edición dunha serie de TRÍPTICOS DIVULGATIVOS dos valores de Galiñeiro. O primeiro deles, que adxuntamos nesta comunicación, vai ser presentado este domingo nos actos do final da Andaina, e trata sobre axeoloxía da serra; de tan elevado valor científico. Nel dase explicación da formación das rochas que caracterizan este monte, descríbese a súa historia xeolóxica ata conformar a paisaxe pétrea que hoxe observamos despois de ser modelada polo xeo nos últimos millóns de anos, e explícanse as fermosas e caprichosas formas a modo de penedos, laxes, cumios, covas, plainadas, cotos e pedragullos. Todo un mostrario didáctico!!!
As comunidades de montes, asociacións veciñais e outras organizacións que velamos por este monte non esquecemos outros valores, que como a agua ten a súa orixe nas entrañas das pedras de Galiñeiro. Un recurso de uso público para toda a bisbarra, cada vez é máis escaso dada a crecente poboación e o uso desmedido que del se fai.
A diversidade vexetal susténtase neste sustrato e as especies animais dependen dela. De entre todas podemos destacar o cabalo galego do monte, que áinda sendo unha especie protexida na teoría está a pasar por momentos difíciles ao non contar cunha xestión que poña de acordo a todos os estamentos sociais implicados no problema.
As mámoas, petróglifos, fortalezas, muiños, levadas e presas foron construídas polos antigos moradores de Galiñeiro que atoparon nel os recursos que precisaban para manter as súas comunidades. Todos estes recursos penden hoxe da man de empresas transnacionais como se as nosas vidas non contasen para nada. Elas poñen as condicións e impoñen a normativa nun bucle especulativo, convertindo aos cidadáns en escravos da chamada economía. A condición de “utilidade pública” conferida polos nosos gobernantes a eses usos do territorio leva á destrución da economía produtiva: explotacións gandeiras, agrícolas, silvícolas, espazos de ocio, aprovisionamento de agua etc etc desparacen do tecido económico e social, ocultando que os beneficios destes megaproxectos duran unhas décadas e a destrución que infrinxen no lugar é practicamente irreversible e infinita no tempo, perdéndose a condición que o territorio ten de garante de recursos dos pobos.
Por todo isto pedimos para a serra de Galiñeiro: PARQUE NATURAL!!!!
Pódese ver o cartaz anunciador dos actos e o plano do percorrido na nosa páxina web. Así mesmo está indicado como chegar ao punto de partida e o lugar de aparcamento no Castro de Erville. Recomendamos levar a comida para facermos festa ao remate da andaina.