Unión Fenosa, transnacional do sector enerxético de capital español, é responsábel de violacións dos direitos humanos e graves impactos ambientais en Latinoamérica, segundo denuncia a campaña internacional “A (i)responsabilidade social de Unión Penosa: Nicaragua ás escuras”.

Organizacións do Estado español e Nicaragua veñen de pór en marcha unha campaña internacional para denunciar as actuacións da compañía Unión Fenosa neste país e en Colombia, Costa Rica e Guatemala. A campaña púxose en marcha por mor da crise humana que a transnacional de capital español está a provocar en Nicaragua, onde se dan cortes diarios do subministro eléctrico de até doce horas.

Segundo denuncia a campaña, Unión Fenosa adquiriu dun modo pouco transparente o monopolio da distribución eléctrica no país centroamericano. Feito isto, sen mellorar a calidade do servizo e sen investir no mantimento e renovación dunha infraestrutura que ten unhas perdas técnicas do 33% da enerxía transportada, aumentou as tarifas aos/ás consumidoræs con menores ingresos o 100% en cinco anos, ademais de alterar a facturación e aplicar a esta cargos extra.

A campaña exixe:

– A Unión Fenosa
Que subsane a situación, indemnice á populación afectada e abandone Nicaragua renunciando a calquer tipo de indemnización

– Ao goberno nicaraguano e ao seu presidente, Enrique Bolaños
Que deixe de protexer a Unión Fenosa como se fose o seu negocio e non a subvencione con diñeiro público.

– Ao goberno español e ao seu presidente, José Luís Rodríguez Zapatero
Que deixe de apoiar os intereses de Unión Fenosa en Nicaragua, pois supón avanzar en dirección contraria á axuda que desde o propio Estado español se está a outorgar para o desenvolvimento dese país.

– Aos candidatos á presidencia de Nicaragua
Que teñan unha postura firme na resolución do conflito con Unión Fenosa e tomen medidas de control para que a transnacional cumpra os compromisos adquiridos.
Que desenvolvan unha política enerxética efectiva que reduza a dependencia na xeración de enerxía térmica, así como unha estratexia de desenvolvimento do sector que se dirixa a solucións a curto, medio e longo prazo.

– A ACS, Caixa Galicia e CaixaNova, principais accionistas e, xa que logo, propietarios de Unión Fenosa
Que exixan que se poña fin a esta grave situación, ou do contrario serán corresponsábeis das graves violacións de direitos que se están a dar en Nicaragua

Máis información:
A (i)responsabilidade social de Unión Penosa