lumes.jpgNa véspera do Día Forestal Mundial, organizacións de conservación da natureza e ecoloxistas de carácter estatal e de Andalucía, Galicia, Asturias, Cantabria e o País Basco, entre os que está Verdegaia, presentaron “Unha Visión Común sobre o problema das plantacións de eucalipto”. Neste manifesto, asinado por máis de 20 colectivos , faise unha breve análise sobre a conflictividade asociada a estas plantacións e, sobre todo, preséntase unha folla de rota ás administracións públicas e ó sector do eucalipto para rematar con máis de 40 anos de conflictos xenerados por estas plantacións.

 

“Durante os últimos corenta anos esta árbore deu lugar a encendidas polémicas sobre os seus impactos ambientais, sobre a súa rendibilidade ou sobre a capacidade do territorio para acoller máis eucaliptos” declarou Miguel Ángel Soto, da campaña de Bosques de Greenpeace España.

Durante as últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galicia, a comunidade autónoma española con maior superficie de eucaliptais. En 1972/73, cando se realizou o traballo de campo para o primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I), o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Segundo o IFN III (o seu traballo de campo realizouse en Galicia durante os anos 1997 e 1998) o eucalipto, en masas puras, ocupa unha superficie de 174.210 ha en Galicia. Pero este dato no reflicte a superficie real ocupada polo eucalipto nos montes galegos, pois ás masas puras hai que sumar as formacións nas que o eucalipto aparece mesturado co piñeiro ou con outras especies, e que tenden a evolucionar cara a masas dominadas polo eucalipto. De forma que, só ou en compañía doutras árbores, o eucalipto esténdese por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. Dende a realización deste último IFN, a superficie de eucalipto aumentou ata, probablemente, atinxir o obxectivo de superficie en masas puras proxectado no Plan Forestal de Galicia (PFG): 245.000 ha.

Actualmente, as masas puras e mixtas de eucalipto chegaron a ocupar máis de 760.000 hectáreas no Estado Español. Tras Galicia, a rexión con máis superficie de eucalipto no noso país é Andalucía (156.000 ha), seguida de Estremadura (75.000), Cantabria (60.000 ha), Asturias (58.000 ha) e o País Basco (14.500 ha). Estas plantacións supoñen o 7% da superficie mundial de plantacións de eucalipto, que suman máis de 20 millóns de hectáreas, sendo Brasil, India e China os principais países con este tipo de plantacións. Se temos en conta só á especie Eucalyptus globulus, na península ibérica localízase o 53% (31% Portugal, 22% España) da superficie mundial ocupada por esta especie.

Aínda que en Andalucía e Estremadura a superficie de eucalipto diminuiu na última década, noutras rexións a planificación forestal non ten podido, ou non ten querido, delimitar cómo e ónde se pode seguir a plantar eucaliptos. A contorna de Doñana, a Galicia interior ou a media montaña de Asturias o Cantabria seguen a ser ocupadas, ou corren o risco de se ver afectadas, por estas plantacións. Ademais, o eucalipto amosa unha significativa capacidade invasora, sobre todo despois de incendios, que favorece a súa expansión.

“Os males do eucalipto non son imputables a esta árbore, senon a unhas deficientes técnicas de planificación, repoboación, selvicultura e explotación, é decir, á especie humana”, declarou Xosé Veiras, de Verdegaia.

“As afirmacións da industria sobre a súa alta rendibilidade, co tempo demostráronse falsas” sinalou Antón Lois, de Amigos da Terra.

O manifesto “Unha Visión Común sobre o problema das plantacións de eucalipto” recolle un conxunto de demandas elaboradas polo movemento ecoloxista co asesoramento dunha parte da comunidade científica, que avogan por unha ordenación racional do sector e pola mellora das prácticas forestais nestas plantacións. O manifesto recolle 8 grandes directrices:

  • Fixar un límite de ocupación do territorio baseado en criterios científico-técnicos.

  • Respecto á planificación forestal, ás estratexias e plans de ordenación do territorio e á lexislación ambiental.

  • Prohibición de novas plantacións en espazos naturais protexidos e eliminación progresiva das existentes.

  • Establecer directrices de xestión específicas con indicadores para reducir significativamente os impactos negativos do modelo de xestión dos eucaliptais.

  • Incrementar e mellorar a investigación independente sobre xestión forestal aplicable ás plantacións de eucalipto na península Ibérica.

  • Utilizar a certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council) como unha das ferramentas posibles para mellorar a xestión das plantacións de eucalipto.

  • Non autorizar o desenvolvemento de plantacións de eucaliptos transxénicos.

  • Non considerar as plantacións de eucalipto como solución ó cambio climático.

  • Pedir o compromiso da sociedade coa reducción do consumo de papel e de enerxía.

“O movemento ecoloxista quere fuxir de posicións irreductibles a favor ou en contra do eucalipto. As nosas demandas sinalan unha folla de rota cara a onde debe encamiñarse o sector e o futuro das superficies ocupadas polo eucalipto”, declarou Fins Eirexas, de ADEGA.

“Deberíamos comezar por deixar de plantar eucaliptos nos espazos protexidos e nos hábitats de especies ameazadas”, declarou Serafín González Prieto, da Sociedade Galega de Historia Natural.

Organizacións asinantes (a 16 de marzo de 2011)

Amigos de la Tierra – Asociación Asturiana de Amigos de la Naturaleza (ANA) – Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) – AEMS-Ríos con Vida – Asociación para la Defensa de los Recursos Naturales de Cantabria (ARCA) – Asociación para la Recuperación del Bosque Autóctono (ARBA) – Asociación Medioambiental Izate Ingurugiroaren Taldea (País Basco) – Colectivo Ecologista de Avilés – Coordinadora Ecoloxista de Asturies – Ecologistas en Acción – Greenpeace España – Grupu d`Ornitoloxia Mavea – Instituto para la Calidad y la Educación Ambiental – SEO/Birdlife – Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) – Salvemos los Territorios del Bajo Navia (SALTERNAVIA) – Sociedad de Ciencias Naturales de Sestao – Verdegaia – WWF España.

Documento:

pdf Unha visión común sobre o problema do ecualipto