- A FEG reclama das autoridades colaboración entre administracións, protocolos claros de actuación e transparencia na información das causas e, sobre todo, do material vertido que chega ás costas, da súa toxicidade e do impacto na cadea trófica e na saúde humana.
- A FEG reclama a asunción de responsabilidades políticas e técnicas en especial por parte da Xunta de Galicia e as consellerías directamente afectadas, tanto a do Mar como a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por accións, omisións e declaracións públicas.
- A FEG quere que este suceso serva para tomar conciencia da necesidade de redución do noso consumo deste tipo de materiais, das melloras na súa xestión e transporte, así como no ciclo completo que inclúe o seu tratamento como residuo.
- A FEG súmase á mobilización que, o domingo 21 de xaneiro en Compostela, organiza o movemento ecoloxista e o sector do mar, na procura de toma de acción, busca de responsabilidades e futuro para o ambiente e as persoas: En Defensa do Mar.
Un percorrido polos feitos recentes. Un feixe de motivos para reclamar outra forma de facer. Unha costa e un mar que coidar.
1- Un percorrido polos feitos recentes
O buque mercante Toconao perdeu o pasado 8 de decembroseis contedores1 mentres navegabaa uns 80 quilómetros de Viana do Castelo. Un deles contiña 26,3 toneladas de sacos de pellets plásticos, algo máis de 1000 sacos de 25 kg.Os pellets que están a chegar ás nosas costas son fabricados na India para unha empresa con sede en Polonia, Bedeko Europe. O buque opera para a naviera Maersk pero ten bandeira de Liberia e a armadora sede nas Bermudas.
As autoridades portuguesas comunicaron o accidente ás españolas e europeas no mesmo día 8 de decembro. O 13 de decembro atópanse por primeira vez os sacos de pellets nas costas galegas, en concreto na praia de Balieiros (Ribeira). A persoa que os atopou trasladou a información, segundo el mesmo ten declarado, ao 112, policía nacional e local, SEPRONA e Parque Natural de Corrubedo.
A pesar desta primeira información e da posterior chegada de novos sacos e bolas de pellets á nosa costa, a Xunta de Galicia non activa o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia, Camgal, ata o 5 de xaneiro, no seu nivel máis baixo. Non é ata o día 9, e só despois de que Asturias, con moita menos presenza de pellets activase un nivel superior, que a Xunta eleva o Camgal ao nivel 2 para solicitar, agora si, a colaboración do Estado.
Levamos días asistindo a unha liorta de declaracións entre Xunta e Estado, que en lugar de pór en marcha mecanismos de colaboración semellan empeñadas en botarse culpas mutuamente. A realidade é que ambas as dúas tiñan coñecemento de que estaban a chegar sacos de pellets plásticos a costa galega cando menos desde o día 13 de decembro, como tivo que recoñecer o Conselleiro do Mar.
Mentres, a limpeza nas praias comezou impulsada por asociacións locais como Noia Limpa ou Sachos á Rúa, entidades ecoloxistas e grupos de persoas auto-organizadas, sen ningún apoio das administracións salvo determinados concellos que pasaron a dispor cando menos duns primeiros medios para a recollida selectiva dos pellets retirados da costa. Durante días son estes colectivos e grupos quen proba métodos de recollida, busca información sobre as características dos pellets e a súa potencial toxicidade, establece protocolos de acción para evitar danos ao medio nas tarefas de limpeza, etc. Non é ata o xoves 11 de xaneiro cando a Xunta asume a responsabilidade de establecer un protocolo unificado que dea cobertura ás actuacións.
Por outra banda, danse declaracións imprudentes e pouco atinadas de responsables políticos sobre a inocuidade dos pellets tanto para o medio como para as persoas. A realidade é que a Xunta só comunica durante este tempo o resultado de dous informes baseados na análise das fichas técnicas do produto, non do material en si, e en base a elas pretende xustificar a súa ausencia de toxicidade. Porén, hai discordancia entre ambos os textos na valoración e ademais non existe transparencia en canto ao contido completo dos documentos. No mércores 10 de xaneiro o grupo de investigación da Universiade de Vigo, Ecotox, fai pública unha notaque achega unha primeira valoración da toxicidade destes pellets en base a composición coñecida (non aínda a unha análise do material concreto). A maior parte da composición sería polietileno, non tóxico, pero conteñen tamén ata un 13% dun aditivo químico, un estabilizador ultravioleta (UV622) non biodegradable cunha sustancia sintética de propiedades antioxidantes clasificada pola European Chemical Agency con toxicidade crónica (a que se produce nunha exposición prolongada) e irritante para os ollos. Non se trataría dunha toxicidade elevada, pero tampouco se pode falar dunha ausencia de toxicidade. Por outra parte, un produto non tóxico pode ser contaminante e está fóra de toda dúbida que estes pellets o son e que existen tamén outros riscos na súa potencial inxestiónpor peixes ou aves.
2- Un feixe de motivos para reclamar outra forma de facer
Ausencia de información, mentiras, ocultamento, descoordinación, perda de tempo, ignorancia, irresponsabilidade, etc. Por desgraza estes son os atributos de moitas das actuacións que temos visto nos últimos días por parte de responsables políticos con implicación directa na xestión deste desastre ambiental e social. Demasiadas coincidencias que recordan ao acontecido fai xa algo máis de 21 anos co Prestige. Non aprendemos nada?
Ante isto e de cara tanto ao curto prazo como ao medio prazo reclamamos:
– A urxente coordinación entre todas as administracións implicadas co único obxectivo de traballar para resolver ou cando menos mitigar ata onde sexa posible os danos provocados por este vertido de pellets. Van a seguir chegando, estamos só no inicio do problema.
– A elaboración de protocolos claros para a actuación de todos os axentes, administracións, entidades, asociacións, persoas voluntarias, que permitan unha maior efectividade, protexan o medio onde se actúa e garantan a seguridade de quen realice as tarefas de limpeza.
– Cando sexa preciso, que se pechen determinadas praias afectadas de forma temporal ás actividades de ocio, para facilitar a súa limpeza e evitar que se pisen e enterren os pellets.
– A posta a disposición dos recursos necesariospara actuar na análise do material, nas tarefas de limpeza, no estudo da evolución do vertido e prevención da súa chegada ás costas, na recollida e tratamento axeitado do residuo, etc.
– Información pública e veraz sobre resultados de analíticase a situación en zonas singulares como o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Neste sentido solicitamos á Xunta e ao Estado que facilite esas informacións á FEG.
– Un cambio radical na política informativa da Xunta de Galicia, baseada ata o de agora na desinformación, mentiras e manipulación, así como un uso partidista dos medios de comunicación públicos (RTVG) enmontaxes propagandísticas a pé de praia.
– A revisión dos mecanismos para a declaración dos niveis de alarma en casos como o actual, que evidentemente non funcionaron como deberían emellora das canles de comunicación entre administracións, das vías para a posta en común de medios, información ou medidas necesarias.
– E por último, pero con contundencia, a asunción de responsabilidades políticas e técnicas en especial por parte da Xunta de Galicia e as consellerías directamente afectadas, tanto a do Mar como a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por accións, omisións e declaracións públicas.
3-Unha costa e un mar que coidar
Por desgraza esta non é a única e posiblemente tampouco a máis grave agresión que viven as nosas costas e mares. Toneladas de microplásticos xa están todos os anos á deriva das mareas, e outros moitos tipos de materiais plásticos forman verdadeiras masas contaminantes a flotar en mares e océanos, a chegar ás costas. Desde a FEG queremos que isto serva para tomar máis conciencia da necesidade de redución do noso consumo deste tipo de materiais, das melloras na súa xestión e transporte, así como no ciclo completo que inclúe o seu tratamento como residuo. Que as persoas que estes días limpan as praias de pellets o fagan tamén doutro tipo de lixo contaminante. Que as administracións asuman tamén a súa responsabilidade nisto. Que as empresas muden, en base a regulamentacións claras e estritas, a súa relación con este tipo de produtos.
Contaminación dos ríos, efectos do cambio climático, residuos plásticos ou doutros materiais, presión urbanística, etc. As nosas costas e o mar soportan xa demasiados danos, cando son un tesouro ambiental e social que debemos coidar e protexer.
Por todo o manifestado, a Federación Ecoloxista Galega apoia a manifestación que o movimento ecoloxista e o sector do mar organizan o domingo 21 de xaneiro ás 12h. en Compostela, en Defensa do Mar!
En Compostela a 12 de xaneiro de 2024
1Xunto a este material, no resto de contedores vertidos ao mar almacenábanse neumáticos, papel de film ou barras de aluminio.