programa_pola_terra.jpgCon ocasión das eleccións xerais convocadas para o próximo 20 de novembro, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF presentaron "Un programa pola Terra. Demandas para unha lexislatura sustentable". Este documento expón  propostas  ecoloxistas  para mudar as políticas e orientar a acción do próximo goberno cara á sustentabilidade.

A próxima lexislatura terá como escenario unha profunda crise financeira e económica, e estará marcada polo impacto crecente da mudanza climática e un déficit ecolóxico cada vez máis grave.

O esgotamento dos recursos naturais, a perda acelerada da biodiversidade, o quentamento global, a contaminación da auga, o solo ou o aire son retos que ningún goberno pode eludir por máis tempo.

A aposta firme polo medio forma parte da solución. A conservación da biodiversidade permitirá o mantemento de servizos ambientais básicos e revitalizar sectores primarios como a pesca ou a agricultura. As enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética farán posible unha redución da nosa dependencia do petróleo e do exterior. Deixar de investir en infraestruturas ruinosas permitirá destinar máis fondos públicos á educación, a sanidade e a protección da natureza. Ademais, as ONG demandan unha fiscalidade ambiental forte, que achegará novos fondos e achandará a mudanza cara a un modelo compatible coa capacidade real do planeta. Así mesmo, o cumprimento das leis ambientais e o afondamento na democracia e a transparencia son a única garantía de futuro e propostas irrenunciables.

Un programa pola Terra. Demandas para unha lexislatura sustentable

O documento recolle unha completa folla de rota en materia de sustentabilidade para a nova lexislatura co fin de orientar o novo goberno. As grandes liñas propostas serían:

  • Descarbonizar a economía e protexer o clima

  • Descontaminar pola saúde das persoas

  • Protexer a biodiversidade,

  • Apostar pola sustentabilidade

Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF ven indispensable apostar por unha economía "verde". As organizacións consideran que a solución a estes desafíos nunca chegará da man de novos recortes sociais nin, limitando os escasos medios e recursos que hoxe se dedican á innovación para a sustentabilidade, á protección do medio ou á axuda ao desenvolvemento. Por último, subliñan que tampouco se sairá da crise postergando aínda máis a toma de decisións para avanzar nunha economía baixa en carbono, nin sacrificando a nosa biodiversidade e o noso capital natural coa esperanza do beneficio a curto prazo.

Documento:

"Un Programa por la Tierra. Demandas para una legislatura sostenible".