Un programa pola terraADEGA, Amigos da Terra, APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia envían as súas “propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentables a nivel local” ás formacións candidatas ás eleccións municipais do vindeiro 20 de maio “Un Programa pola Terra” recolle unha serie de propostas para que as diferentes organizacións políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición nos diferentes concellos de Galicia.

O vindeiro 20 de maio celebraranse eleccións municipais en Galicia. Coa presentación deste documento as organizacións ecoloxistas máis representativas do ámbito galego, queremos salientar a importancia crucial dos concellos á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso país. Debido á enorme magnitude da crise ambiental global, causada por un modelo social inxusto que explota de xeito ilimitado o noso planeta finito (os seus recursos materiais e as súas formas de vida), perceptible, entre outros moitos factores, no cambio climático da Terra e na perda a pasos de xigante de biodiversidade, consideramos preciso e urxente un cambio profundo nas políticas desenvolvidas polas Administracións Municipais: ben por posuír un alto grao de implicación na xestión medioambiental a nivel local, ben pola súa estreita relación e proximidade coa cidadanía.

Estas eleccións supoñen unha grande oportunidade para que todos os partidos se comprometan a que os Concellos muden as súas insustentábeis políticas na súa contorna de actuación, reflexionando arredor dos efectos que sobre o global teñen tamén as súas accións no ámbito local. Para iso, as organizacións ecoloxistas asinantes achegamos este “Programa pola Terra”, cunha serie de propostas concretas, factibles e realistas destinadas a ser aplicadas en calquera municipio e permitir a transformación das nosas sociedades. Este documento contén dez propostas, que permitirían a transformación que a actual crise ambiental require. Están baseadas en catro principios básicos:

– O actual modelo económico e social é inxusto e insostible.
– É necesario un compromiso de cambio de dimensións estratéxicas.
– Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
– Cumprimento da lexislación ambiental.

10 MEDIDAS PARA CAMIÑAR CARA A SUSTENTABILIDADE NOS CONCELLOS

1. Integrar enerxía, mobilidade e contaminación
2. Protexer os espazos naturais, a flora e a fauna
3. Implantar unha nova cultura da auga
4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o
crecemento urbanístico e defenda a costa
5. Apostar pola redución, a reciclaxe e a compostaxe dos residuos sólidos urbanos
6. Defender a soberanía alimentar e apoiar ao sector primario para manter un mundo
rural e mariñeiro vivos
7. Recoñecer a importancia dos coidados básicos para a vida, o papel das mulleres
neles e facilitar novos esquemas de xénero ao respecto
8. Avanzar na participación cidadá cara unha democracia participativa real
9. Facer unha reforma verde do sistema fiscal local e impulsar unha contratación
pública verde
10. Afortalar a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentable

Consulta o contido do Programa pola Terra