Verdegaia ven de presentar diante da Consellería do Mar a súa análise crítica do documento de inicio de avaliación ambiental estratéxica do plan director de acuicultura. Este documento marca moi claramente o contido do que vai ser o futuro Plan de Acuicultura redactado a medias polas grandes empresas e pola administración Feijoo: portas abertas sen ningún tipo de contención ás piscifactorías industriais e nula protección ambiental.
Neste mais ben panfleto propagandístico, as loas ao futuro esplendoroso do sector non veñen acompañadas de ningún estudo que as fundamente enmarcadas na realidade económica, social e ambiental deste país, nin obviamente, a súa rendibilidade económica real sen contar as de seguro cuantiosas subvencións que recibirá este suposto sector “estratéxico”.
A valoración da adecuación dos terreos para este tipo de instalacións basease exclusivamente en criterios “técnicos” e en segundo lugar en criterios económicos. A figura de protección do territorio no que estean inseridos eses terreos son unha mera anécdota cuase que folclórica tal como recolle o documento que afirma literalmente que ” se respectará no posible as zonas de Parques Naturais, no seu entorno e nas zonas incluidas na Rede Natura 2000 e outras figuras de protección medioambiental”. Entendemos xa que logo que se respectarán se non cumpren eses criterios técnicos e económicos citados anteriormente e se non son cobizados por algunha das empresas do sector. Un gran exemplo de cumprimento da legalidade vixente ao respecto do territorio, nomeadamente a Rede Natura 2000, abrindo deste xeito calquera espazo á destrución industrial, tanto ten o que digan as leis.
Outra elemento importante a salientar neste documento é que se recolle que “o réxime de acceso á propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e as actuación se levarán a cabo por expropiación forzosa no caso de que sexa necesario” xa que se declaran de utilidade pública e interese social os terreos. Onde está o interese social ou a utilidade pública dunha piscifactoría? No irrisorio número de postos de traballo que pode crear? Na apropiación practicamente gratuíta de porcións do litoral galego? Nos efluentes contaminados que verquen ao mar?. A realidade é que de manterse este enunciado, as empresas terán acceso aos terreos queira o propietario deles ou non: se non acepta o prezo da empresa, virá a administración a expropiarllo. Mais non para un hospital, un centro de ensino ou outras posibilidades que si son de interese público e utilidade social, senón para montar unha piscifactoría para maior lucro dunha empresa e maior destrución do litoral.
Tampouco aborda os impactos ambientais que supón este tipo de factorías industriais como son o impacto sobre os recursos mariños pola sobrepesca resultado da fabricación de piensos (precísanse entre 2,5kg e 5kg de peixes por cada kg de peixe de cultivo); a liberación de efluentes con alto contido en materia orgánica, patóxenos, sustancias tóxicas como antibióticos ou outros compostos químicos contaminantes que supoñen un enorme risco para os consumidores e para os ecosistemas onde se sitúan; ou o desbalde de diñeiro público en subvencións a empresas coa desculpa da creación de postos de traballo cando é contrastábel que esta é moi baixa e máis baixa aínda se comparamos co tecido que destrúe como é a pesca e marisqueo tradicional.
E por último, este documento de inicio fai especial énfase á posibilidade de grandes macropolígonos de acuicultura onde se concentren varias plantas co que se amplificarían exponencialmente as problemáticas que este tipo de instalacións teñen xa de por si.
Mais esta teimuda reiteración a prol da acuicultura ven acompañada de medidas e desleixos que condenan ao abandono as poucas iniciativas novidosas e sustentábeis xurdidas dende o propio mundo da pesca de baixura como son as reservas Mariñas de Lira e Cedeira. Non se entende que uns proxectos que teñen amosado no tempo a súa eficacia, que supoñen manter unha fonte de ingresos estábeis e con futuro para moitas familias, se vexan camiño da desaparición polo desleixo da administración galega, namentres envorca millóns de euros en subvencionar a instalación de empresas acuícolas no territorio, cuns réditos de emprego realmente pequenos e cun impacto ambiental moi importante.
Aplicar todos estes orzamentos en promover e apoiar unha explotación e xestión sustentábel dos recursos mariños mediante o apoio a prácticas e proxectos que realmente creen emprego no litoral, que permitan un uso racional deste imprescindíbel recurso, sen sobreexplotación, respectando ciclos e cotas e cunha aposta forte pola conservación e recuperación terían maiores réditos e unha maior incidencia positiva na poboación do litoral e no conxunto da cidadanía.