Verdegaia esixe das administracións locais que non promovan nin apoien actividades que supoñan un maltrato cara os animais.
A especie humana maltrata a miúdo as demais especies animais e utilízaas como se fosen obxectos: matándoas como entretemento, encerrándoas polo simple pracer de as observar, someténdoas a experimentos, torturándoas publicamente, arrincándollela pel para vestir a súa vaidade, abandonando animais domésticos, etc. Os animais non-humanos son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, non obxectos para o noso uso e divertimento.
Mais certos sectores da sociedade néganse a aceptar que os animais son seres dotados de sensibilidade non só física senón tamén psíquica, e persisten en sacar proveito da súa tortura e, por veces, morte.
En Nigrán atopamos estes dias máis un exemplo de maltrato animal, nomeadamente nas instalacións do circo Wonderland que, a pesar de contar con un repertorio variado de malabaristas e pallasos, é un dos circos que se resiste en abandonar a utilización de animais. Calquera que se achegue a praia América pode observar camelos, avestruces, poneis, bois e incluso sete tigres de Siberia. Animais extraídos do seu hábitat natural, forzados a vivir en condicións aberrantes para á súa natureza, e adestrados para desenvolver actividades antinaturais para lecer dos humanos. Especialmente aterradora é a situación dos tigres que ao longo do mes de Agosto estiveron suxeitos a temperaturas superiores a 30ºC.
As administracións locais, detentoras da potestade para conceder aos circos a autorización de instalación, deben recapacitar sobre as eventuais vantaxes da realización deste tipo de exhibicións no territorio que administran. Os cativos, que son xeralmente o público maioritario, reciben unha versión terxiversada e falsa dos animais, resultando de todo anti pedagóxico. Moi distante dunha educación ambiental que ensine a observar, comprender, respectar e amar as demais formas de vida.
Entendemos que ninguén ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non-humanos. Por iso solicitaremos ao concello de Nigrán, tal como xa o fixemos en Vigo, que deixe de promover e apoiar actividades que supoñan calquera tipo de maltratos.