Hai estudos que indican que é significativamente maior a cantidade de información que transmitimos coa nosa xestualidade, o noso ton de voz, a nosa posición como falantes, a nosa vestimenta, os nosos silenzos, e en definitiva todo aquelo que non é verbal, que co contido mesmo das palabras. Algo así podería dicirse do conxunto do sistema educativo e de cada unha das súas compoñentes. Se o currículo é a disposición explícita dos elementos dese sistema cara a unha finalidade educativa, o currículo oculto sería entón o xesto, ton, posición, vestimenta, silenzos, e en definitiva todo aquelo que non se di pero que "habelo haino". 

Cal é a mensaxe completa que transmiten os libros de texto sobre a ecoloxía se afondamos alén do discurso evidente? Hai un currículo oculto a este respecto?

Partindo dun informe publicado no 2007 por Ecoloxistas en Acción, dende Verdegaia temos realizado o estudo dunha selección de libros de texto galegos co gallo de dar resposta a esas preguntas. Dada a xeralidade da experiencia educativa na escola, é moi sinxelo que calquera poida establecer un diálogo coas conclusións deste estudo, coas súas propias vivencias e co resto de persoas que participen da tertulia. Que nos aprenderon e que aprendimos sobre a natureza e as relacións dos seres humanos con ela?

Lembra que a tertulia é no local da Escola Popular Galega Vigo (Rua Real 12), ás 20:30.