paremos.jpgCon motivo da celebración internacional do Día da Terra (22 de abril), dedicado este ano ao cambio climático, a asociación ecoloxista galega Verdegaia denunciou cunha acción, realizada hoxe pola mañá fronte á Consellería de Medio Ambiente primeiro, e logo fronte á Consellería de Industria, as elevadas emisións de gases causantes do cambio climático das centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA). Verdegaia tamén presentou o informe “Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático”, no que se pon de manifesto como as centrais térmicas de carbón son as maiores fontes de gases de efecto invernadoiro en Galicia, e as principais responsábeis de que o noso país presente unhas emisións por habitante que figuran entre as máis altas de España, de Europa e do mundo: 14,6 toneladas/habitante no ano 2004.

Durante a acción, un membro de Verdegaia, disfrazado de empresario eléctrico propietario de centrais térmicas de carbón, deu patadas a un balón que representaba o planeta. Deste xeito, Verdegaia quixo chamar a atención da Xunta e da sociedade sobre a destacada contribución ao cambio climático, o principal problema ambiental global, da produción de electricidade a partir de carbón, o combustíbel fósil máis contaminante. Máis da metade da electricidade
pict0008.jpgxerada na nosa terra procede do carbón.

Segundo o dato máis recente dispoñíbel no Rexistro de Emisións e Fontes Contaminantes do Ministerio de Medio Ambiente, a central de carbón das Pontes emite 10.400.000 toneladas de CO2. Isto convértea na maior “fábrica de cambio climático” da Península Ibérica.
Verdegaia coida que ENDESA está a lanzar desde a súa central das Pontes unha “opa hostil contra o clima”, con graves prexuízos para os intereses colectivos das xeracións actuais e futuras. O mesmo fai UNIÓN FENOSA desde a central de Meirama, que emitiu 4.800.000 toneladas no ano 2004 .

O Goberno central está a traballar na elaboración do Plan Nacional de Asignación (PNA) de Dereitos de Emisión 2008-2012. Para que o Estado español teña algunha posibilidade de cumprir o Protocolo de Quioto, resulta fundamental que o PNA sexa moi restritivo na asignación de dereitos gratuítos de emisión de CO2 ás centrais térmicas de carbón. Verdegaia entregou senllos escritos aos conselleiros de Industria, Fernando Blanco, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Manuel Vázquez, demandándolles que a Xunta defenda unha asignación moi restritiva para as centrais térmicas de carbón de Galicia e do resto do Estado español. En 2004, perante a proposta de PNA 2005-2007, o anterior Goberno autonómico, co apoio de BNG e PSdG-PSOE desde a oposición, reaccionou reclamando máis dereitos para as centrais de carbón das Pontes e Meirama.

O goberno bipartito, en coherencia co seu compromiso de impulsar un “plan de converxencia cos obxectivos do Protocolo de Quioto”, até hoxe pendente, debe defender unha asignación moi restritiva de dereitos de emisión para as centrais térmicas de carbón. Outra posición sería antiecolóxica, máis aínda se temos en conta que no período 2008-2012 estarán en funcionamento dúas novas centrais térmicas no noso país, de ciclo combinado a gas natural, unha nas Pontes, de ENDESA, e outra en Sabón (Arteixo), de UNIÓN FENOSA.

pict0021.jpgDo mesmo xeito que as Consellerías de Industria e de Medio Ambiente se están a amosar, con bo criterio, restritivas a respecto da enerxía minihidroeléctrica, por estaren os ríos galegos enerxeticamente sobreexplotados, tamén deberían ter unha actitude moi restritiva a respecto das térmicas de carbón, polo seu enorme impacto sobre o clima. Galicia está a “sobreexplotar o clima”, está a acaparar unha parte ben maior da capacidade de absorción de CO2 do planeta que lle correspondería se estivese repartida equitativamente entre todos os pobos da Terra.

Verdegaia demanda a substitución da electricidade procedente do carbón polo aforro e a eficiencia enerxética e polo desenvolvemento das enerxías renovábeis de baixo impacto ambiental.

Acceso ao informe completo Informe_Centrais_termicas.pdf Informe_Centrais_termicas.pdf