Verdegaia vén de presentar alegacións contra a tala que suporá o trazado da autovía A-54 Santiago-Lugo, en concreto na zona do regato Ladra, en Bazar, onde se pretenden talar 418 carballos, 618 castiñeiros, 111 salgueiros, 398 piñeiros e 200 chopos nas marxes do regato Ladra e 138 amieiros, 16 carballos e 3 castiñeiros no leito do regato. É dicir, un total de 434 carballos, 621 castiñeiros, 111 salgueiros, 398 piñeiros, 200 chopos e 138 amieiros. É dicir, un total de 1.802 árbores, a gran maioría caducifolias.

Xa presentamos alegacións por outras talas na provincia de Lugo (Torible e Santa Eulalia de Mazoi), e temos que lamentar que se pretenda facer outra tala brutal nesta provincia, onde se conservan a maior parte das reservas de árbores caducifolias de Galicia.

Xa no seu momento Verdegaia criticou o Plan Director de Estradas, que soamente incide no modelo insostible de transporte baseado no automóbil privado e no consumo de combustibles fósiles, co aumento da contaminación atmosférica e a destrución do territorio para facer cada vez máis autoestradas en lugar de potenciar un transporte público competitivo.

Non hai moito que o alcalde de Lugo, López Orozco, fixo unhas declaracións nas que dicía que non era preciso tren entre Santiago e Lugo, xa que en breve estaría preparada a autovía.

Declaracións coma esta dan conta da falta de concienciación sobre os problemas ambientais e de como un único sistema de mobilidade é o que se lles ocorre aos responsables políticos (locais, autonómicos e estatais).

Permitir facer esta autovía con ese trazado e coa destrución que leva en cada tramo que se fai, como é o caso da zona do regato Ladra en Bazar, demostra unha absoluta falta de sensiblidade sobre o problema da deforestación, da contaminación e dos problemas ambientais en xeral.

De feito, no expediente pódese comprobar como un informe de Medio Ambiente advirte de que non se poderán talar árbores no leito do río nin facer ningún tipo de obra nel. O caso que lles fan, polo que se pode comprobar, é afectar 350 metros de leito e talar 157 árbores no leito.

As nosas alegacións solicitan que non se faga o viaduto por riba do regato Ladra en Bazar, que non se permitan esas talas masivas e, por suposto, que se utilice o diñeiro que se inviste en facer máis infraestruturas para o automóbil privado en potenciar un transporte público competitivo e de calidade, que revertirá en beneficio de toda a cidadanía e do planeta.

Porque como nos movemos a nós si nos importa.

2009-08-19_alegacins_tala_brutal_regato_ladra_a-54