O domingo 19 de outubro comeza a tempada de caza e case non hai axentes forestais e facultativos medioambientais da Xunta de Galicia de servizo para efectuar o control e vixilancia deste aproveitamento.

No distrito XIII (Valdeorras-Trives) non hai ningún axente de garda.

No distrito XII (Ourense), XI (O Carballiño), XIV (Verín-Viana) e XV (Bande) apenas hai dous axentes de garda dedicados tamén á vixilancia dos seus parques naturais.

Estímase que nesta xornada soamente na provincia de Ourense haberá uns 20.000 cazadores. 

Alguén pensa que 1 axente para aproximadamente 2.000 cazadores é suficiente? 

Alguén cre que 1 axente pode atender un parque natural e 2.000 cazadores?

Verdegaia reclama que se reformule esta situación e se adopte algunha destas medidas:

1. Ou se poñen en servizo os/as axentes verdadeiramente necesarios/as. 

2. Ou se reduce o número de cazadores a unha cantidade razoable para que os/as axentes poidan realizar o seu traballo de verdade.

3. Ou haberá que darlle poción máxica de Panorámix mesturada co traxe de Supermán para que non rebenten no intento.

4. Ou haberá que darlle poción de sentido común ós/ás responsables da Administración que organizaron este comezo de caza.

 

A verdade é que moitos animais non se ven no monte, nin rastros da súa presenza, pero hai 20.000 cazadores ansiosos despois de ter a escopeta parada todo o verán. 

Se analizamos outras circunstancias, tamén choca con marchas en bici (unha prevista en Allariz  para a fin de semana), excursións, recollida de cogomelos (estamos na época)

Este domingo o monte vai ser unha romería e non hai axentes para controlalo.

Agardemos que haxa sorte e non pase nada e que se aplique un pouco de cabeciña para todas esta fin de semana nos montes.

Para as persoas non cazadoras, lembrade que se vedes algo irregular (ir coa escopeta sen seguro, que disparan en dirección a camiños, estradas, casas… ) o máis atinado é chamar ó Seprona. Do resto, ide con tino.