A Coruña, Vigo, Barcelona, Valencia, Palma e Tarragona, únense contra a volta do turismo dos megacruceiros e as ampliacións dos peiraos.

  • Verdegaia apoia a concentración unitaria estatal en apoio do clima a saúde e a vida
  • Concentracións o sábado 19 de Xuño en varios portos do Estado
  • Na Galiza contaremos con mobilizacións no Obelisco da Coruña e na Estación Marítima de Vigo, o día 19 ás 12h.

Organizacións veciñais, sociais e ecoloxistas concentraranse o sábado 19 de xuño para pedir ao goberno español que volva prohibir a entrada de cruceiros nos portos españois por razóns sanitarias fronte á covid-19, de saúde pública e de emerxencia climática.

Convocatoria 19 de Xuño 2021:

  • A Coruña 12:00 h : Obelisco
  • Vigo 12:00 h: Estación Marítima
  • Barcelona 11:30 h: Pl. Sant Jaume
  • Palma 11:30 h: escales de la SEU
  • València 11:30 h: Esplanada de l’Edifici del Rellotge (Port de València)
  • Tarragona 11.30 h: Escales Reials, port de Tarragona

España é o segundo estado europeo con máis emisións de gases de efecto invernadoiro procedente dos barcos e o primeiro máis contaminado por cruceiros até que o sector cesou a súa actividade pola pandemia en 2020. En 2019, 11 millóns de pasaxeiros chegaron a bordo de 4.236 cruceiros, concentrándose especialmente nas principais cidades da costa Mediterránea e Canarias.

Barcelona e as Baleares, con 3,1 e 2,6 millóns de pasaxeiros; e as Palmas e Santa Cruz de Tenerife con 1,4 e 1 millón de pasaxeiros respectivamente. Séguenlle cidades como Cádiz e Málaga con máis de 470.000 viaxeiros e Valencia con 435.600. No caso de Valencia proxéctase, ademais, a ampliación norte do porto para barcos contentores e unha nova terminal para cruceiros e transbordadores no peirao de Levante, xunto ao Barrio de Nazaret. O Porto de Barcelona acaba de outorgar unha concesión a MSC para construír unha nova terminal de megacruceiros no peirao Adossat.

A Coruña e Vigo están situados a tan só 40 km do Corredor Marítimo de Fisterra onde navegan 40.000 barcos anualmente e propón ampliar as atracadas de cruceiros coa desafectación dos terreos portuarios, situados no centro da cidade. Esta situación incrementa as emisións poñendo en alto risco a saúde da poboación.

Ante a recente resolución do goberno central levantando o veto aos cruceiros desde o 7 de xuño:

Pedimos ao Goberno español que rectifique e manteña a restrición por razóns sanitarias, de protección á saúde pública en cumprimento das obrigas climáticas. As organización consideran que o turismo de masas e especialmente o de cruceiros constitúe un elemento de alto risco para a propagación dos novos surtos da Covid-19. Tamén piden ao Goberno central que actúe sobre o sector coa mesma determinación que o fixo a raíz da crise sanitaria da covid-19, para facer frente á pandemia da contaminación que sofre a poboación directamente exposta ás emisións dos megacruceiros e á emerxencia climática.

Consideramos a actividade de cruceiros incompatíbel coa protección da saúde e o ambiente, por ser un turismo de altas emisións contaminantes (SOx, NOx e Partículas ultrafinas), extractivista no uso intensivo de recursos naturais (p.e auga), que causa enormes impactos sobre as poboacións destinatarias (p.e., turistificación) e os ecosistemas mariños (p.e. danos a cetáceos) e litorais.

Denunciamos tamén a operación de maquillaxe verde dos cruceiros e os portos con falsas solución tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde; que ademais de ser inviábel, terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos.

Instamos ás administracións autonómicas e locais a situarse ao lado da cidadanía e o interese común, en virtude das súas competencias sobre medio ambiente, saúde e turismo, empregando todos os medios disponíbeis para oporse ás ampliacións portuarias e ao turismo de cruceiros nas nosas cidades. Unha actividade que pon en risco a nosa calidade de vida e a saúde do planeta, que xera enormes desigualdades nun contexto de fonda crise ecosocial e enerxética, que só favorece aos catro oligopolios que controlan o mercado global, que acumulan beneficios astronómicos cada ano a costa da evasión fiscal, a saúde, o planeta e a explotación laboral.

Facemos un chamamento especial á cidadanía para que tomen conciencia dos impactos do turismo de cruceiros e en xeral do turismo de masas baseado na hiper-mobilidade. Non só por constituír un elemento de risco para a propagación e os novos surtos da covid-19, tamén polos impactos irreversíbeis sobre a nosa saúde e a do territorio. Por iso, pedimos a implicación activa da cidadanía para que opte por unhas vacacións a favor da economía local e respectuosas co ambiente.

#StopCruceiros #StopCruceros #StopCruises #StopCreuers

Manifesto e organizacións unitarias