A crise climática xa está aquí. A temperatura media do planeta aumentou en 1,2ºC e os impactos deste incremento non deixan de notarse en todo o mundo. A medida que aumenta a temperatura media global, aumentan tamén a frecuencia e a intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos. As ondas de calor, os días consecutivos sen precipitación e os riscos de inundación por chuvias torrenciais son os impactos que máis están a afectar á península ibérica e a outras rexións do mundo como consecuencia do aquecemento global. Impactos de consecuencias devastadoras que carrexan danos sen precedentes, como os vividos durante o recente e tráxico suceso ocasionado polas inundacións da DINA na costa mediterráneo¡a española.
Expresamos toda a nosa solidariedade coas persoas que sofren as terríbeis consecuencias en Valencia, Castilla La Mancha e en todo o planeta.
Tras 28 Cimeiras do Clima, chegamos á COP de Bakú con moito traballo por facer e coas posicións dos países moi afastadas para avanzaren en novos compromisos. Aínda estamos lonxe de asegurar un escenario climático que limite o incremento medio das temperaturas a 1,5ºC e evitar as piores consecuencias da crise climática: agora é o momento de que todos os países do mundo trasladen de maneira convincente e ambiciosa os acordos alcanzados durante a última COP de Dubai aos seus plans nacionais, incluíndo a descarbonización completa para 2040 nos países do norte global e o abandono progresivo dos combustíbeis fósiles.
Nesta cimeira, o tema fundamental será o financiamento e aquí, de novo, o norte global ignora as súas responsabilidades históricas. Os países do sur global, que sofren os piores impactos da crise ecolóxica malia seren os menos responsabeis, necesitan 10 trillóns estadounidenses de dólares nas próximas décadas para unha transición ecolóxica xusta, pero a Unión Europea esquiva a cifra e considéraa desproporcionada. Argumentan, por suposto, que non hai diñeiro. E con todo, hai diñeiro, e dabondo. Os recursos económicos existen, xa que os gobernos de todo o mundo invisten anualmente 7 trillóns estadounidenses de dólares en subsidios para os combustíbeis fósiles, unha fonte de enerxía que nos fai dependentes e pouco resilientes, ademais de seren a principal responsábel da crise climática.
Ao mesmo tempo a riqueza concéntrase en moi poucas mans. O 1% da poboación mundial acumula máis que o 95%. Necesitamos un sistema fiscal realmente progresivo, onde quen máis ten e máis contamina pague máis, incluíndo un imposto climático especial para os grandes contaminadores e a industria fósil. Fronte aos intereses particulares da minoría, debemos priorizar a vida e a supervivencia do sur global.
Por último, debemos reverter o financiamento que actualmente se destina á militarización en favor da protección das persoas e o planeta para asegurarmos unha transición pacífica que poña ás persoas no centro, que asegure e deteña a perda de vidas humanas que se está producindo como consecuencia das distintas ofensivas militares en lugares como Gaza, Congo ou Ucrania. Unha transición ecolóxica xusta que, ademais, nos permita ter ecosistemas sans, soberanía alimentaria e enerxética, cidades habitábeis, empregos dignos e servizos públicos de calidade.
Hoxe, as organizacións que conformamos o movemento ecoloxista e social de Estado español esiximos que o noso país cumpra cos seus compromisos e responsabilidades, e amose a solidariedade necesaria neste momento decisivo. Non temos tempo para outra cimeira fracasada, negámonos a repetir os horrores vividos na DINA.
Domingo 17 de Novembro ás 17.30h. en Samil, Vigo encontrámonos en solidariedade cos afectados pola Dina demandando xustiza climática urxente e global!