Para os colectivos ecoloxistas existe un principio fundamental respecto aos espazos naturais protexidos: non sobra ningún, ao contrario, faltan moitos. Para os colectivos que defenden o noso patrimonio histórico e cultural existe o mesmo principio, tampouco sobra ningún e máis ben faltan moitos por protexer. Por iso, na petición de declaración de BIC da Alameda coincidimos as entidades que defendemos o noso patrimonio natural e cultural.
A Alameda foi, desde o seu nacemento gañado ao mar, un espazo no que Vigo se mira a si mesmo e se gustaba. Gustábase na artesanía de granito dos seus edificios (tantos deles tristemente desaparecidos) e nas súas árbores e xardíns que sempre tiveron tanto valor ecolóxico como simbólico. Non é casualidade este amable encontro entre os elementos naturalistas ornamentais que decoran as fachadas dos edificios e esa natureza convertida nun oasis no centro da cidade.
Ademais de todas as especies botánicas catalogadas, tanto no rexistro de árbores senlleiras de Galicia como no propio inventario de árbores singulares do propio Concello(que inclúe practicamente todo o arborado da Alameda) neste xardín histórico viven, ou para ser máis precisos sobreviven, nunha contorna cada vez máis hostil, un gran número de aves urbanas e forestais de diversas especies, moitas delas protexidas, ademais de arbustos e plantas singulares, fungos etc. A declaración de BIC supón aumentar o rango de protección da Alameda e destacar os seus valores patrimoniais, algo especialmente pertinente cando nos últimos anos asistimos á celebración duns eventos que consideramos non só incompatibles coa súa conservación, senón que directamente poñen en risco a supervivencia deste espazo único. Eventos como o Cíes market, ademais de supoñer un incremento da contaminación lumínica e acústica que expulsa a fauna, especialmente as aves nocturnas, ás que lles impide desenvolver o seu ciclo vital, contribúen a unha moi preocupante compactación do chan que xa é unha seria ameaza para o arborado do parque que, á súa vez, aumenta unha acelerada deterioración do estado de saúde de moitos exemplares como constatan os informes de expertos acreditados. Na práctica un dos nosos espazos naturais e patrimoniais está abandonado á súa sorte para os efectos dunha protección e conservación real.
Con características similares xa foron declarados como BIC outros xardíns e parques históricos, como o Pazo de Lourizán, Xardíns do Castelo de Soutomaior, o Pasatempo en Betanzos ou, sen ir máis lonxe, o propio Parque e Xardíns de Castrelos, polo que consideramos perfectamente argumentada e xustificada a súa declaración.
En realidade todos os colectivos e entidades de todo ámbito – veciñais, partidos políticos de diferentes ideoloxías, de defensa do patrimonio histórico, cultural e de estudos da cidade, colectivos ecoloxistas – que solicitamos a declaración da Alameda como BIC non facemos outra cousa que obedecer o mandato cívico que figura, desde hai moitas décadas, nunha placa situada no propio xardín: “Siendo estos jardines propiedad de todos los ciudadanos a todos ellos interesa su conservación. Por esto los pone bajo su especial cuidado y vigilancia, el Alcalde” Visto polo tanto que o Alcalde delega na cidadanía a protección da Alameda, dita cidadanía asume de modo responsable a súa protección.
Esperemos que as administracións competentes o fagan tamén.



















