As organizacións civís Acsur-Las Segovias, Amarante, Coordinadora de Crentes Galegas e Galegos, Foro Galego da Inmigración, Fuco Buxán, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Wipala solicitaron ós representantes dos tres grupos parlamentares que insten ao Parlamento de Galicia a realizar unha declaración na que non se recoñezan as eleicións que se celebraron o pasado domingo en Honduras.
As organizacións asinantes consideran que nas circunstancias actuais nas que non se ten restituído a orde democrática e non se respectou o acordo Tegucigalpa-San José, no que se permitiría o regreso á presidencia de Manuel Zelaya, non se poden celebrar unhas eleicións transparentes e libres.
Durante os últimos meses durante os que os golpistas, con Roberto Micheletti á frente, están gobernando o país, documentáronse condicións de represión militar, violacións de dereitos humanos e decretáronse estados de sitio e toques de queda, impendindo á poboación exercer o seu de dereito de manifestación, entre outros.
Estas mesmas organizacións presentaron unha solicitude de condena ao golpe de Estado en nome do Frente Nacional Contra o Golpe de Estado de Honduras (FNCGE) o día 19 de outubro. Esa primeira petición, realizada co gallo da visita do representante do FNCGE, Erasto Reyes, a Galicia deu como resultado a Declaración do Parlamento de Galicia do día 27 de Outubro na que se pode ler:
"O Parlamento de Galicia únese á condea do golpe militar en Honduras e manifesta que a única saída é o retorno á legalidade constitucional e comezar pola restitución de Manuel Zelaya na Presidencia da República de Honduras".
Agora é o momento de que o Parlamento dea un novo paso na defensa da liberdade e da democracia e faga unha declaración pública na que non recoñeza as eleccións nin os resultados que destas se deriven.
Carta a Luis Rodríguez Zapatero
Por outra banda esta semana máis de corenta organizacións de todo o Estado, entre as que se atopan as asinantes deste comunicado, dirixiron unha carta ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, solicitando un posicionamento do goberno ante estas eleccións ilexítimas e que se desenvolva unha iniciativa no marco do Consello Europeo para aprobar unha declaración institucional da Unión Europea de non recoñecemento das eleccións.
Visita de sindicalista Hondureña
Finalmente durante a vindeira semana recibiremos a visita da representante sindical do sector do téxtil de Honduras, Reyna Domínguez onde o venres se reunirá cos colectivos e coa prensa para contar de primeira man como está afectando á poboación hondureña o golpe de Estado e as últimas novidades relacionadas coas eleicións.
O seu sindicato está afiliado á CGT, que pertence á Fronte de Resistencia que foi creada trasl golpe de Estado pola sociedade civil.