Verdegaia vén de asinar, xunto con outras organizacións, o comunicado que reproducimos a continuación, no que se pide ao Comisario de Ambiente, Océanos e Pesca a protección dos mamíferos mariños que morren polas artes de pesca.

“Mr Virginijus Sinkevičius, Comisario de Ambiente, Océanos e Pesca:
No inverno pasado, máis de 1.200 golfiños mortos arribaron na costa francesa. Morreran despois de seren collidos nas artes dos barcos de pesca. Precisamos da súa acción urxente para evitar que isto volva a acontecer este inverno.
A captura incidental de baleas, golfiños e toniñas en artes de pesca, coñecida como “capturas accidentais”, mostra a máis significativa ameaza global e europea á súa conservación. Vostede é coñecedor dos recentes informes globais que destacan as dramáticas caídas na biodiversidade. Sobre a base da pequena porcentaxe de golfiños comúns mortos que se esperaría que chegasen á costa, estímase que até 10.000 poderían ter morto por artes de pesca no Golfo da Biscaia, no inverno pasado. Especialistas destacaran repetidamente os niveis insustentábeis de capturas accidentais nas augas da UE.
Hai leis da UE para evitar capturas accesorias. Mais non son aplicadas. Os Estados-Membros fallaran sistematicamente na posta en funcionamento de medidas de conservación adecuadas, e no establecemento e aplicación de sistemas de vixilancia para comprender mellor as causas exactas e a escala do problema. Ao non facer cumprir as leis de protección da natureza, a Comisión non está cumprindo as súas obrigacións nos termos da Directiva Hábitats, e tampouco está cumprindo coas responsabilidades que lle incumben por forza dos artigos 11º e 12º do Regulamento Básico da política pesqueira común.
Fomos recentemente informados de que a Comisión Europea está á espera de informacións científicas adicionais antes pórse en acción. Existen amplas evidencias, e se non actuamos agora, miles de golfiños mortos volverán a arribar nas nosas costas este inverno. Os corpos xa comezaron a chegar á costa. A UE non pode mostrar a súa ambición de ser un líder global en protección da biodiversidade mentres deixa que isto aconteza novamente, como mínimo non o mesmo ano da publicación da nova Estratexia da UE para a Biodiversidade e da Conferencia das Partes da Convención sobre Diversidade Biolóxica. Vostede aínda pode facer algo para evitar que esta catástrofe ocorra novamente neste inverno.
Vostede pode aínda esixir que os dous Estados-membros máis preocupados con esta situación no Golfo da Biscaia, Francia e España, sigan dúas medidas de emerxencia:
- Fechar as pescarías que son responsábeis das capturas accesorias de golfiños no Atlántico Nordeste entre xaneiro e abril de 2020. Isto debe incluír, polo menos, a pesca con redes de deriva e de arrastre por parellas. Os peches deben permanecer en vigor cada inverno ata que se apliquen medidas eficaces de prevención e conservación
- Demandar observadores independentes a bordo e/ou vixilancia electrónica en todos os buques de pesca do Golfo da Biscaia ao longo do ano. As actividades de pesca deben parar e o buque debe deixar a área no momento en que se observe calquera captura accidental.
Encontrará, en anexo, o noso resumo sobre Medidas de Emerxencia de Pesca para o golfiño común do Nordeste Atlántico no Golfo de Biscaia.
Gustaríanos ter a oportunidade de discutir a nosa opinión sobre a dramática situación dos cetáceos no Golfo da Biscaia e en todas as augas europeas e as accións necesarias para garantir que non sexan causados máis danos a estas vulnerábeis poboacións.
Aínda hai tempo para evitar miles de mortes innecesarias. Nós, e máis de 222.000 cidadáns europeos que asinaron unha petición para parar a matanza de golfiños pola industria pesqueira nas augas da UE, contan con que vostede actúe agora.”