Co gaio do DIA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE, a SGHN, Verdegaia e AHE celebraron o 6 de xuño de 2015 unha actividade para contribuir ós obxectivos de conservación da biodiversidade na Rede Natura 2000.
O obxetivo desta actividade medioambiental no espazo natural Gándaras de Budiño, foi a divulgación dos valores naturais do espazo natural e aportar datos para o coñecemento da biodiversidade e o seu estado ambiental. A actividade consistiu nunha ruta circular guiada polos diversos ecosistemas do ZEC Gándaras de Budiño, ligados ás Ribeiras do río Louro, observando fauna e flora do espazo natural. Participaron 19 persoas.
A Rede Natura 2000 é un conxunto de espazos protexidos destinada a garantir a supervivencia das especies e os seus hábitats. Está composta por milleiros de lugares de alto valor ecolóxico de toda Europa. A Rede Natura 2000 promove que a conservación da natureza beneficie ós cidadans e contribúa ó desenvolvemento socioeconómico dos lugares.
As Ribeiras do río Louro sufriron unha grande transformación ó longo dos anos e hoxe en día a zona está totalmente transformada e perdeu unha parte dos seus hábitats e especies. A existencia de varias charcas e ecosistemas acuáticos de moito valor natural pola súa singularidade e escaseza deste tipo de hábitats en Galicia propiciaron a súa inclusión na Rede Natura 2000. O espazo natural alberga 5 hábitats prioritarios con boas representacións de vexetación acuática e turbeiras e importantes formacións de bosque de ribeira. Inclúe varias decenas de especies de vertebrados e invertebrados protexidos, destacando unha das derradeiras poboacións de sapoconcho europeo (Emys orbicularis) de Galicia. Actualmente estase a traballar na zona, catalogando fauna e flora, dos que se observa unha importante biodiversidade, consolidando a importancia dos ecosistemas valiosos das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro.
A ruta comezou nos observatorios ornitolóxicos en Orbenlle pasando por: barreira de Orbenlle, turbeira do Cerquido, barreira do Cerquido, Ruta dos Humedais, turbeira de Albelos, Ponte das Febres e camiño de Santiago en Ribadelouro, Ponte da Madalena, bosque de ribeira do Louro e lagoa de Orbenlle, con vexetación arbórea predominante formada por bosques mixtos de carballos e especies do bosque de ribeira (amieiros, salgueiros, freixos) e prantacións de piñeiros e eucaliptos.
Os asistentes admiraron a existencia de hábitats de interese comunitario e a observación de fauna e flora, destacando a observación de aves do bosque de ribera do Louro, o magnífico amieiral do Cerquido, a turbeira do Arroioenchoupadas de auga, a colonia de anduriñas das barreiras (Riparia riparia) na Barreira de Cerquido e o bosque de ribeira do río Louro. Se observaron exemplares de rá verde (Pelophylax perezi), rá dos regos (Rana iberica), lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi ), lagarto arnal (Timon lepida), o escáncer (Anguis fragilis) e a cobra viperina (Natrix maura). Entre os insectos, se observou a eclosión dunha libélula (Cordulegaster boltonii), recén saida do exoesqueleto da ninfa acuática e secando as ás para comenzar a súa vida como insecto adulto. Dos difíciles de ver mamíferos observamos sinais de visón e lontra (excrementos con restos de cangrexos) e pegadas de teixugo, raposo e xabarín.
O percorrido estivo enriquecido polo patrimonio cultural de cruceiros, pontes medievais (Ponte das Febres, Ponte da Madalena), pontellas e poldras, de grande valor etnográfico e artístico.
Localizáronse numerosos problemas de conservación que afectan ós valiosos ecosistemas que alberga o espazo natural: estado sen rehabilitar do terreno ocupado polo antigo “Centro de recuperacion” financiada con fondos europeos, destrución de hábitats por aterramentos, alteración do réxime hidrolóxico das turbeiras, destrución da cobertura arbórea por desbrozes, contaminación permanente e lixo, puntos con verquidos de entullo, destrucción dun tramo da “Ruta dos Humedais” por obras de alcantarillado, abundancia de especies de fauna e flora invasora (Fallopia japonica, Cortaderia selloana, Phytolacca americana, Tradescandia flumienensis, Tritonia x crocosmiiflora), erosión e arrastre de materiais no cauce do río Louro e falta de mantemento dos observatorios ornitolóxicos.
O obxetivo desta actividade naturalista no espazo natural Ribeiras do Louro‐Gándaras de Budiño, é a divulgación dos valores naturais do espazo natural e aportar datos para o coñecemento da biodiversidade e o estado ambiental.