A presenza diaria de numerosos cans soltos e sen control por parte dos propietarios na praia, no sistema dunar e na Lagoa da Frouxeira está a provocar graves efectos nas aves migradoras. Así, desde que esta presenza canina se fixo regular, algunhas especies foron abandonando o areal, coma o Pilro común (Calidris alpina) ou a Gabita (Haematopus ostralegus). Outras limícolas que aínda manteñen poboacións invernantes tiveron que mudar os seus hábitos de alimentación e descanso. cans frouxeira

Debido ás permanentes molestias que sofren por parte dos cans sen control, foron cambiando progresivamente os seus repousadoiros de preamar na Praia de Lago, e agora vense obrigadas a voar cara a costa cercana ou o illote da Percebelleira, onde atopan a tranquilidade necesaria para o repouso. De igual modo, durante as baixamares, período de alimentación nos intermareais da Frouxeira, soportan tamén un constante acoso por parte destes cans, o cal xenera una molestia grave, que mesmo pode afectar á supervivencia das aves, polo constante gasto enerxético que necesitan para voar fuxindo dos ataques, sen apenas poder alimentarse.

Na mañá do domingo, un ornitólogo da SGHN comprobou que hai auténticos especialistas no acoso ás aves, como o can da foto, que adicou case media hora a perseguir de maneira repetitiva a todos os bandos de limícolas e gaivotas que atopaba e volvía facelo en canto estas pousaban. Durante as súas persecucións chegou a alonxarse ata case un quilómetro do seu dono, que permanecía impasivo.

 

Na primavera, ademáis, esta presenza masiva de cans pon en grave perigo a nidificación da Píllara das dunas, que posúe na Frouxeira un dos seus refuxios na comarca de Ferrol.

 

Por outra banda, a desidia das autoridades no apartado informativo, concienciador e sancionador fai que os ornitólogos se vexan obrigados a informar aos propietarios das mascotas de que deben levar os cans coa correa, e así impedir que espanten as aves nunha zona con cinco figuras de protección teóricas.

 

Desde a SGHN e Verdegaia esíxese unha aplicación rigorosa da lexislación vixente, empregando una interpretación da mesma coerente co espíritu do recente “Plano de Conservación do Humidal” , elaborado pola propia Consellaría. E demanda, polo tanto, un compromiso real da Administración autonómica e municipal para eliminar dunha vez esta ameaza permanente que pon en perigo a riqueza ornitolóxica da Frouxeira, que xa padece outras problemáticas aínda sen resolver.