Vigo Ciclábel, da que Verdegaia fai parte, é unha plataforma formada por diversos colectivos ciclistas, ecoloxistas e feministas de Vigo, así como por persoas a título individual, cuxo principal obxectivo é promover o uso da bicicleta como medio de transporte usual e visibilizar todas as vantaxes individuais e colectivas que ten este medio na mobilidade urbana.
Na semana da mobilidade imos realizar dúas actividades reivindicativas e participativas en Vigo; ambas actividades abertas a toda a cidadanía interesada nesta temática.
- A primeira delas será unha charla divulgativa co título: “Desenvolvemento sostible: como os coches empeoran a nosa vida, e por que as bicis poden mellorala”, que realizarán diferentes integrantes de Vigo Ciclábel. Levarase a cabo o xoves 18 de setembro ás 19:30 horas na Asociación Veciñal A Miñoca. Imos falar das infraestruturas ciclistas en Vigo, da necesidade de mellorar a mobilidade activa, da perspectiva de xénero na mobilidade e moito máis.
- A segunda actividade reivindicará o Día sen coches cun Cine-Forum coa visualización do Documental: Bicicletas vs Coches, que se proxectará no Café UF- Negra sombra (na rúa Pracer) o martes 23 de setembro ás 20 horas. Esperámosvos para debater e reflexionar conxuntamente sobre este documental.





















