bump_modificada.jpgChega un ano máis a Semana Europea da Mobilidade (do 16 ao 22 de setembro) co lema “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade!”. Distintas cidades galegas van participar da mesma, mais segue a estar ausente unha implicación serie e rigorosa de todas as administracións para reducir o impacto do transporte ao longo de todo o ano, fomentando alternativas e apostando pola creación de proximidade

Atendendo ao lema deste ano vemos que se hai algunha ferramenta de transporte radicalmente ineficiente esta é o automóbil. É ineficiente no uso da enerxía, no uso do espazo, no uso do tempo e no uso dos materiais ademais de ser a maior fonte de contaminación do sector do transporte.

O 58% dos desprazamentos de curta distancia en Galicia fanse en automóbil cunha media de ocupación de 1,2 persoas durante a semana, subindo a cifra ao 72% na fin de semana, fronte a un 25% a pé e un triste 6% en transporte público. Ferrol é o paradigma do uso do automóbil como medio de transporte (o 63,9% o empregan para ir a traballar ou estudar), seguido de Vigo (62,2%)1 e Santiago (53%)2. Este abuso do automóbil significa que arredor de 775.000 automóbiles colapsan a diario as principais cidades galegas.

Se analizamos en termos enerxéticos o ciclo de vida dun automóbil desde a súa fabricación ate o seu desmantelamento comprobaremos a súa insustentabilidade.3

  • No proceso de fabricación, alén do consumo de materias primas que supón a existencia de mil millóns de automóbiles no planeta, o coche consume 12 veces máis enerxía que un autobús e 4 veces máis que un tren de proximidade.

  • Na construción da infraestrutura que soporta a súa circulación o custo para o automóbil é catro veces superior ao autobús en relación aos pasaxeiros/km desprezados

  • O propio funcionamento do automóbil desbalde 4 veces máis enerxía que o autobús e o tren de proximidade e dúas veces máis que o metro.

  • O mantemento da infraestrutura é algo inferior que a do tren mais é o dobre que co autobús.

En resumo, a baremación destes datos indica que o coche consume en total o dobre de enerxía que o tren e o metro e catro veces máis que o autobús, alén doutros datos negativos como son as emisións de gases de efecto invernadoiro, o ruído ou a sinistralidade.

Non hai solución posíbel a gravidade dos impactos negativos que o transporte motorizado xera no conxunto do planeta sen actuacións decididas que permitan por unha parte diminuír drasticamente o uso do automóbil, particularmente nas contornas urbanas e por outra fornezan alternativas que dean resposta as necesidades da cidadanía e permitan un transvase de usuarios do automóbil a outros medios máis sostíbeis. Verdegaia demanda unha mudanza radical no xeito de entendermos a mobilidade na nosa sociedade, na que as Administración pero tamén a cidadanía asuma as súas responsabilidades.

———————————————-

1Desarrollo sostenible y movilidad de las personas en distancias cortas:un análisis comparado entre Galicia y Europa. González Laxe, Fernando et al. XXIII de Estudios Regionales. 2007

2http://pmus.santiagodecompostela.org/

3Os datos están baseados en cifras comparativas de kg equivalentes de petróleo por cada 100 prazas dispoñíbeis e por km transportado. Fonte: Los problemas del coche en la ciudad. Ecologistas en Acción. Madrid. 2007