Con motivo do Día da Terra, que se celebra mañá en todo o mundo, Verdegaia insiste na urxencia de reducir de forma sostida as emisións galegas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes da mudanza climática global. Galicia presenta unhas elevadas emisións por habitante de GEI, a metade das cais son atribuíbles a só seis empresas, que gozan de importantes complicidades e apoios por parte dos poderes públicos: ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL, ALCOA, FERROATLÁNTICA e SOGAMA.

Galicia, que co 0,04 % da poboación xera o 0,12% das emisións mundiais, presenta unhas emisións de GEI por habitante de 12,4 toneladas/ano, superiores incluso ás emisións medias do Estado español (9,9) e a UE (10,4). Tan só  seis empresas, cinco delas transnacionais privadas (ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL, ALCOA, FERROATLÁNTICA) e unha galega semipública (SOGAMA), son as responsables da metade das emisións (datos referidos ao 2006). Á cabeza sitúase ENDESA, coa súa central térmica de carbón das Pontes, a maior “fábrica de mudanza climática” de España, que emite máis CO2 que as comunidades autónomas de Estremadura ou de Navarra. 

A xuízo de Verdegaia, os datos anteriores amosan que a solución á cada vez máis preocupante crise climática require dunha mudanza profunda do modelo de produción e consumo, o que implica, entre outras cousas, a reconversión das industrias ligadas aos combustibles fósiles ou moi intensivas en consumo de enerxía e materiais, e un forte desenvolvemento de actividades orientadas ao aforro enerxético, ás enerxías e os materiais renovables, á reutilización e á reciclaxe, á rehabilitación de edificios ou ao transporte colectivo. 

Asemade, é preciso abandonar a incineración do lixo, falsamente presentada como unha solución contra as alteracións climáticas polo decepcionante Plan de Acción contra o Cambio Climático 2008-2012 deixado polo Goberno bipartito, que prevé un aumento das emisións de GEI do 37% en 2012 a respecto de 1990, cando en 2006 eran un 20,5% superiores.

As grandes produtoras de mudanza climática

En 2006, último ano para o que se dispón de datos oficiais, emitíronse desde Galicia un total de 34.585.350 toneladas (t) de CO2 equivalente[1]. As seguintes empresas foron responsables en conxunto dunhas emisións de 17.324.984 t, é dicir, do 50% das emisións totais.

ENDESA. A súa central térmica de carbón das Pontes emitiu  9.122.201 t de CO2 no ano 2006. ENDESA foi a empresa máis beneficiada pola moi xenerosa atribución de permisos de emisión de CO2 que lle outorgou o Goberno español -co apoio de gobernos autonómicos como o galego- ás centrais térmicas de carbón no primeiro período de aplicación do comercio europeo de emisións (2005-2007). Desde 2008 esta central usa só carbón de importación procedentes de lugares tan afastados como Indonesia.

UNIÓN FENOSA. Esta empresa eléctrica é a propietaria da segunda central térmica de carbón situada no noso país, a de Meirama,  en Cerceda. No ano 2006 emitiu 3.847.539 t de CO2.  Todas as Administracións públicas apoian a continuidade das centrais térmicas galegas de carbón, malia seren pouco eficientes e moi intensivas en emisións de CO2. A de Meirama tamén usa exclusivamente carbón importado desde 2008. O enorme investimento público nos portos exteriores de Ferrol e da Coruña destínase, en moi grande medida, a facilitar a descarga de carbón para as centrais térmicas (ademais do transporte de petróleo e derivados). UNIÓN FENOSA tamén é propietaria da central de fuel de Sabón, que en 2006 emitiu 306.551 t de CO2.

REPSOL. A principal empresa petroleira española emitiu desde a súa refinería da Coruña 1.528.693 t de CO2 no ano 2006. As  medidas dos poderes públicos orientadas á redución do consumo de petróleo son moi débiles, especialmente no sector do transporte. Ademais, as políticas en materia de ordenamento do territorio e de  infraestruturas de transporte contribúen a consolidar o dominio case absoluto do coche e do camión, a pesar da súa ineficiencia enerxética.

ALCOA.  As instalacións en Galicia (San Cibrao e A Coruña) da multinacional líder mundial en produción de aluminio emitiron 1.520.000 t de CO2. O principal consumidor de electricidade de Galicia -o seu complexo de San Cibrao consome moito máis que todos os fogares galegos- benefíciase dunha tarifa eléctrica moi reducida (1,5 céntimos/kWh), máis de 7 veces máis barata que a tarifa social para consumidores domésticos. Ademais de CO2, Alcoa emite tamén gases fluorados con efecto invernadoiro.

 FERROATLÁNTICA. Os tres centros de produción de Ferroatlántica en Galicia (Cee, Dumbría e Sabón) emitiron en 2006 un total de 641.000 t de CO2.

SOGAMA. A incineradora de residuos urbanos que posúe esta empresa participada pola Consellaría de Medio Ambiente e UNIÓN FENOSA en Cerceda -a maior de España- emitiu 359.000 t de CO2. A achega real de SOGAMA á mudanza climática sería aínda maior se se contabilizasen as emisións asociadas ao transporte do lixo até a incineradora desde os 277 concellos de toda Galicia adscritos a SOGAMA.

Fontes: Os datos de emisións das empresas obrigadas a participaren no comercio de emisións (ENDESA, UNIÓN FENOSA, REPSOL) proceden da web da Consellería de Medio Ambiente (http://www.siam-cma.org/cambioclimaticogalicia/Descargas/resumoemisions%202006.pdf). Os restantes proceden do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://www.mma.es/portal/secciones/calidad_contaminacion/ipcc/eper/index.htm).



[1] O  “CO2  equivalente”  (CO2  eq)  expresa  a  eficacia  no  aumento  do  efecto  invernadoiro  dos  diversos  gases  que  inducen o cambio climático, usando como referencia o principal deles, o dióxido de carbono (CO2).