Este sábado 28 de marzo repetimos. E cada vez somos máis: unha manchea de xente que está cansa de ver como na sociedade da opulencia o derroche é a norma: mercar para non usar, mercar para usar e tirar, mercar para consumir sin sentido.
Cada vez somos máis as que apostamos por un consumo consciente, que busca cubrir as nosas necesidades sin afogar ao planeta con refugallos. Cada vez somos máis as que estamos convencidas de que non só é coherente cambiar a nosa forma de consumir, senón que é xa imprescindible para a saúde e o benestar coletivos.
Este sábado volvemos á rúa. Plantaremos os nosos postos de troco e cesión na rúa Urzáiz, fronte ao mercado do Calvario, entre as 11:00 e as 13:00 horas (ou, se chove, no Centro Social do Calvario, antiga "Cultural", na rúa Numancia 3). Así que xa sabes: o sábado 28, no Calvario, apúntache ao
MERCADIÑO DE TROCO E CESIÓN.
Alí agardámoste. Trae o que teñas, pon o teu posto e troca o que tes polo que requires. Para que gastar diñeiro se podes conseguir o mesmo de balde? Libros, discos, materiais de informática, decoración, fogar, roupa… Pensa no que precisas e ven a buscalo. Sinxelo, verdade?
Asinado:
Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia, Deleite e Centro Social do Calvario
Vigo, 28 de marzo de 2009