Lavadoras, frigoríficos, colchóns e outros voluminosos poden coller novamente o camiño de botarse ao monte – cousa que aínda é habitual nalgúns puntos do territorio pero que nos últimos anos tiña experimentado unha importante redución- tras a "espantada" da Xunta e SOGAMA, que deixan o problema enriba do tellado dos concellos sen ter mediado antes unha alternativa de modelo de xestión que permita a implantación progresiva para a recollida dos voluminosos por parte dos Concellos dunha maneira menos traumática para as arcas municipais.

A FEG considera que a nova Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas é a que debe solucionar de inmediato o problema, no lugar de enredar botándolle as culpas ao bipartito e lamentarse polo resultado da Autorización Ambiental Integrada que non admitía o xeito de como se depositaban os residuos por resultar altamente contaminante.

A FEG considera a planta de SOGAMA como unha auténtica fraude a concellos e cidadanía: esta infraestrutura presentouse aos municipios como unha solución máxica e instantánea para a xestión dos residuos urbanos (entre os que están os voluminosos) e ofrecendo como "gancho" uns prezos por tonelada irreais que non chegaban a cubrir os custes totais de tratamento. Esta aposta por unha megaestrutura centralizada insostíbel e de solucións improvisadas implica que agora non teña capacidade de reacción e manobra para recepcionar residuos voluminosos, xa que SOGAMA tivo que acatar como todos a Lei 16/2002, de 1 de xullo, de prevención e control integrado da contaminación e control integrado da contaminación, para obter a Autorización Ambiental Integrada para poder funcionar.

A FEG ve coma unha irresponsabilidade e unha deixadez das súas obrigas que a Consellería, no lugar de idear un plan de choque cunha batería programada de medidas planificadas e integradas baixo o paraugas dun mesmo modelo de xestión para tódolos municipios, avise aos Concellos que se acaba a recollida e que se organicen como poidan coas empresas autorizadas para tal fin e a sabendas do notorio incremento das taxas de tratamento. Así, é seguro que algúns concellos se verán abocados a "reducir os esforzos e/ou incluso eliminar" a recollida destes residuos, o paso previo para o abandono no monte.

A FEG considera que a solución pasa por que a Xunta de Galicia reformule a xestión dos Puntos Limpos distribuídos por Galicia, informando da súa existencia e ordenando tódolos aspectos relacionados co seu funcionamento de maneira integrada e coordinada e que constitúan unha auténtica rede de tratamento. Na actualidade, estes Puntos Limpos, funcionan de maneira independente, e así dos 113 puntos limpos existentes, 47 son xestionados directamente polos Concellos e 2 por dúas mancomunidades, a Deputación de Ourense xestiona 1, e ata 16 empresas teñen contratado o servizo de xestión do resto. Aliás, en moitos casos estes puntos están infraempregados, ao non coñecer a cidadanía a súa existencia, polo que voluminosos e outros residuos considerados como perigosos (aceites, pinturas, esprais,…) rematan no contedor xenérico.

A FEG avoga por que a Xunta potencie estes Puntos, regulando os criterios da súa xestión para que se dinamice o seu funcionamento de xeito coordinado e complementario, desenvolvendo iniciativas como os puntos limpos móbiles ou incluso co establecemento de taxas unitarias equitativas para todos os concellos. Necesítase dun diagnóstico do seu funcionamento, o grado de cobertura que ofrece a todo o territorio e a necesidade de ampliación a aqueles concellos nos que aínda non contan con este tipo de instalacións, por exemplo o Concello de Pontevedra.