Nestes tempos de catástrofes universais, os gobernos pretenden sacarnos da crise apostando polos mesmos métodos que nos afundiron nela: polo desenvolvemento salvaxe e sen sentido, polo progreso entendido como un crecemento infinito da produción, polos bancos e as multinacionais que esquilman a terra coa súa delirante obsesión polos beneficios. Máis hai alternativas Verdegaia, Amarante, Árbore, Caleidoskopio e o Centro Social do Calvario organizan unha nova edición do mercadiño de troco e cesión no Mercado do Calvario en Vigo
Hai alternativas a ese futuro que só conduce a un planeta estéril, arrasado pola cobiza e a estupidez. Alternativas claras, viables e sensatas, respectuosas coa contorna, que non confunden benestar con incremento da produción e que apostan pola reciclaxe, a utilización consciente dos recursos e a solidariedade. Unha desas alternativas é o troco.
Por iso, mes tras mes un grupo de asociacións, colectivos e persoas de Vigo e a comarca organizamos un mercadiño mensual de troco e cesión: unha cita co sentido común, co aforro, coa ecoloxía e o respecto pola terra. Este sábado 30 de maio tes unha nova cita coa xente da túa cidade, coas ganas de gozar e de encher as rúas de vida e actividade. Este sábado 30 de maio tes troco. Ven á rúa Urzáiz, fronte ao mercado do Calvario, entre as 11:00 e as 13:00 horas (ou, se chove, ao Centro Social do Calvario, antiga "Cultural", na rúa Numancia 3) e planta o teu propio posto de troco. Para que gastar diñeiro se podes conseguir o mesmo de balde? Libros, discos, materiais de informática, decoración, fogar, roupa… Pensa no que precisas e ven a buscalo. Sinxelo, verdade?