juantiagues - Ence - Pontevedra846 en FlickrEste sábado 4 de xuño terá lugar unha mobilización nacional contra a pasteira. Como novidade, ao tradicional lema pola retirada da celulosa engádense 2 novas reivindicacións: o saneamento integral da Ría e contra a eucaliptización. Como segunda novidade, non a convoca a Asociación para a Defensa da Ría (APDR)a mais a plataforma ‘ENCE Fóra’ e a ‘Federación Ecoloxista Galega’.

É unha mobilización nacional xa consolidada no calendario chegado o mes de xuño, a ‘marcha contra as celulosas’ en Pontevedra. Unha demanda, a retirada de ENCE da Ría de Pontevedra, que vén de vello e que máis unha vez, este sábado (4 de xuño) volverá reunir milleiros de persoas. Falamos con Antón Masa, da ‘Asociación pola Defensa da Ría’ (APDR), convocante tradicional desta manifestación. Mais desta volta, a convocatoria é cousa da plataforma ‘ENCE Fóra’ (onde está a APDR) e da ‘Federación Ecoloxista Galega’. Non é a única novidade.

– Unha nova marcha contra ENCE. Vós sempre mantivestes que a mobilización social vai ser chave para lograr tirar a pasteira da Ría. Máis aínda despois da prórroga até 2073?
– A prórroga de 60 anos é administrativa, non é firme, polo que pode ser revogada, o que pode facerse por tres vías: administrativa, penal ou política. Nós entendemos que calquera delas, de non ir acompañada a mobilización social, perde forza. Dámoslle un valor fundamental a esa mobilización, por iso chamamos a que esta manifestación do sábado sexa masiva, que veña xente de toda Galiza.
– A demanda tradicional (ENCE Fóra da Ría), mantense, mais acompáñase tamén doutras…
– Si, tamén solicitamos un saneamento integral da Ría e, ademais, alertamos contra a eucaliptización de Galiza, cómpre denunciar o papel da pasteira no monte galego. Consideramos fundamental o saneamento integral, pois que desapareza ENCE non chega, hai máis verteduras e focos contaminantes sobre os que actuar, por iso a demanda dun plan integral que permita, en último termo e entre outras actividades, unha explotación racional dos recursos pesqueiros e marisqueiros.
– E introducir a ecuación da eucaliptización na marcha?
– Se ENCE continúa 60 anos máis aquí, tal e como queren os que defenden a prórroga, unha das consecuencias máis claras é que vai seguir adiante a eucaliptización do país, co que iso significa para o monte galego e para Galiza. Temos que ter claro que o problema de ENCE desborda o local, o comarcal, é un problema a nivel de Galiza. Por iso reiterar o chamamento a que a marcha deste sábado sexa masiva, que veña xente de todo o país.
– Nesta mini-lexislatura aprobouse unha proposición para anular a prórroga de 60 anos concedida polo goberno provisional a ENCE.
– Si, aprobouse unha proposición non de lei. Desde a APDR e a plataforma ‘ENCE fóra’ fixemos para que ‘En Marea’ e PSOE tomasen esa decisión. E temos un compromiso de diferentes organizacións para que, de chegar ao goberno, derroguen quer a prórroga ou quer a Lei de Costas. Desde logo, o que non gustariamos é que teñan o poder aquelas formacións políticas que apoian e avalan que a pasteira se manteña aquí.
– Para alén da mobilización, mantendes abertas as vías administrativas e penal contra a prórroga…
– Estamos a redactar o recurso administrativo e estudando a posibilidade da vía penal, pois entendemos que hai causa para facelo e ir contra os responsábeis da prórroga. ENCE supón a perda do futuro para a comarca de Pontevedra, o freo para o seu desenvolvemento social e económico.

Foto: juantiagues “Ence – Pontevedra846” (CC BY-SA 2.0)