Este sábado 27, Vigotroca organiza un novo mercadiño de troco e cesión na rúa Urzáiz, fronte ó mercado do Calvario, entre as 12:00 e as 14:00 h. O mercadiño está aberto a vosa participación: calquera obxecto que teñades na casa, roupa, libros, discos, mobles, electrodomésticos, etc., teñen o seu sitio no mercadiño. Se tedes a casa ateigada de cousas que non utilizades, ou se precisades dalgo e non queredes gastarvos os cartos, contade co troco: unha ocasión de primeira para reutilizar os obxectos e darlle unha vida máis ecolóxica e sustentable as nosas cousas. Por unha economía alternativa e un consumo consciente e responsable, por un planeta libre de bancos depredadores e neoliberalismos rapaces: súmate ao troco e á cesión, súmate ao sentido común. ¡Usa o que precises e comparte o que tes!
A resposta que temos atopado na rúa, entre as veciñas e veciños do barrio, é excelente. O mercadiño estase a consolidar como unha oportunidade de cubrir demandas reais da xente. Este sábado, precisamos a túa colaboración para seguir dándolle vida ao troco. ¡Móvete e baleira o teu trasteiro!