cartazcelulosas 2015Logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán máis alá do 2018; milleiros de postos de traballo, eliminación de cheiros e molestias, devolución da auga roubada ao Lérez, pago dos impostos en Pontevedra, fin da contaminación da Ría, creación de riqueza e benestar…

Pero xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel. Quen vai crer nestas promesas cando levan facendo todo o contrario ao longo da súa historia na Ría? Porque non o fixeron ata agora? Simplemente porque non o van facer nunca!

En Verdegaia temos claro que os vertidos das fábricas do complexo industrial constitúen o principal problema ambiental da Ría de Pontevedra e están a prexudicar os bancos marisqueiros poñendo en perigo a supervivencia dos recursos pesqueiros e marisqueiros na zona. ENCE verque unha grande cantidade de materia orgánica o que provoca turbidez, diminución da penetración da luz que dá como resultado a diminución da actividade fotosintética e a cantidade de alimento dispoñible para os moluscos. ENCE pode verter ata 108 Qg. de Fósforo ao día e ata 810 Qg. de Nitróxeno amoniacal. Estes elementos actúan como fertilizantes nun medio declarado zona sensible con risco de eutrofización por hiperfertilización. Estes nutrientes permiten un desenvolvemento masivo de microalgas en capas superficiais das augas. A materia orgánica sintetizada por estas algas unicelulares acaba caendo ao fondo e producindo diminución da concentración de osíxeno no mesmo provocando na zona afectada mortaldade masiva de moluscos por asfixia. Os verquidos de ENCE elevan a temperatura das augas do interior da Ría entre 1 e 2 grados centígrados. A elevación de temperatura sitúa aos organismos, que non están habituados, a un estrés térmico que os fai is sensibles aos parasitose depredadores. Como resultado do proceso de fabricación da pasta de papel, orixínanse diversos tipos de compostos como as dioxinas de elevada toxicidade; a presenza destes contaminantes supón un elemento máis de risco para a produción marisqueira xa que poden chegar a aparecer en produtos de consumo.

TEMOS RAZÓNS ABONDO PARA IR Á MARCHA:

  • Xa abonda de contaminar a Ría e o ar
  • Os seus pestilentes cheiros e fumes teñen que abandonar as nosas vidas
  • Impiden o saneamento da Ría e destrúen os recursos marisqueiros
  • Hai que recuperar o banco de Os Praceres e as praias urbanas de Pontevedra
  • Hai que protexer a illa de Tambo, o monte e o rural da comarca
  • Coa saúde das persoas e co medio ambiente non se negocia