Ven de sumarse ás Brigadas a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grixoa de Esternande, no concello de Santa Comba, que nos convoca a unha primeira intervención para plantar medio millar de carballos o sábado 19 de marzo.

Agradecemos a vosa participación e apoio apuntándovos canto antes e, como moi tarde, até o día 16 de marzo, para facilitar a loxística desta primeira incursión en terras xalleiras.

Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org

A Comunidade ofrecerá un xantar comunitario ás brigadistas participantes, e a xornada estará amenizada cun espectáculos de monicreques (para crianzas e adultas) e algunha que outra sorpresa máis.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!