A actual redacción da Lei de Débeda Externa, que se vota hoxe no Senado, é, segundo as campañas “Corta con la Deuda”, “¿Quién Debe a Quién?” e “Sin Duda, Sin Deuda”, incoherente co Plano Director da Cooperación Española e os compromisos internacionais do goberno español na luita contra a pobreza e en favor dos Direitos Humanos.
As tres campañas contra a débeda externa, “Corta con la Deuda”, “¿Quién Debe a Quién?” e “Sin Duda, Sin Deuda” —co apoio da Rede Española contra Pobreza— declararon nun comunicado de prensa ter recebido positivamente algunhas das emendas dos grupos políticos do Senado que recolleron as súas demandas, e instaron a esta cámara a aproveitar a oportunidade para transformar a Lei de Débeda nun verdadeiro instrumento de luita contra as causas da pobreza. Para isto, achan que se debe incluir a urxente reformulación do segundo mecanismo xerador de Débeda Externa, que é a Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (CESCE); o recoñecimento da corresponsabilidade de políticas e a criazón de mecanismos de avaliación; así como a non contabilización imediata das operacións de cancelación de Débeda Externa como Axuda Oficial ao Desenvolvimento.
Ademais a Lei Reguladora da Débeda Externa non inclúe un compromiso de cancelación de débeda que esgote o marco internacional existente nen medidas iniciais de cancelación do 100% da débeda externa bilateral de todos os países que nestes momentos a necesitan para lograr unha vida digna para todos os seus habitantes, na contra dos compromisos asumidos polo Estado español e do que pede a cidadanía. En lugar disto, o actual texto da Lei só facilita ao goberno cancelar, como máximo, un 15% do total da débeda da que o Estado é acredor.
Do mesmo modo, as campañas contra a débeda alertan sobre as emendas apresentadas polo PSOE, nas que propón incrementar os créditos FAD (Fundo de Axuda ao Desenvolvimento) en 528 millóns de euros, cando no texto da mesma Lei aprobado no Congreso o pasado 22 de Xuño se instaba ao goberno a revisar estes créditos.
Este mecanismo de financiamento foi recorrentemente criticado polas ONGDs españolas como instrumento cuxo principal obxectivo era o apoio á internacionalización da empresa española e a non erradicación da pobreza, que segundo a Lei de Cooperación Internacional para o Desenvolvimento é o obxectivo prioritario da AOD. O FAD é o responsábel da metade da Débeda Externa que os países empobrecidos teñen contraída co Estado español e contribuíu a agravar o problema do sobreendebedamento dunha parte dos mesmos. Do mesmo modo, na maioría dos casos, trátase de axuda vinculada á contratación de bens e servizos de empresas españolas, o que provoca a sobrevaloración no prezo da mesma, a discriminación do tecido produtivo local e a concentración dos fundos nun número reducido de empresas españolas, entre outros.
Por estes motivos as campañas contra a débeda reclamaron en repetidas ocasións a revisión e desaparición do FAD. O incremento destes créditos é inaceitábel e contraditorio coa propia Lei de Débeda Externa que prevé revisar este mecanismo de xeración de Débeda. A oposición ao incremento dos fundos canalizados através do FAD non debería, en cambio, impedir o crecimento da AOD en xeral.
As organizacións cidadás transmitiron a Senado e goberno a súa disconformidade coa priorización na Lei de Débeda Externa dos intereses económicos do Estado español como acredor por riba do direito a unha vida digna das poboacións empobrecidas nos países do Sul. A fin de que esta Lei sexa un instrumento para erradicar a pobreza, como peden centos de organizacións na Semana de Luita contra a Pobreza (16 a 21 de Outubro), co lema “Máis Feitos, Menos Palabras”, as campañas contra a débeda peden quen o seu articulados e inclúan as demandas que, nos eu día, apresentaron conxuntamente ao Senado.
Máis información:
¿Quién Debe a Quién?
Corta con la Deuda
Sin Duda, Sin Deuda
Alianza Española contra la Pobreza
Pobreza Cero
Coordenadora Galega de ONGDs