Vai de roteiros 13-14O domingo 17 de novembro realizarase o roteiro polo Río Castro e Serra do Forgoselo.

Galicia dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparable ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade: encoros, explotacións mineiras, etc. Co doble obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, Verdegaia pon en marcha unha nova edición, a sexta, do seu programa “Vai de roteiros!”.

Deste xeito, o vindeiro domingo 17 de novembro, Verdegaia organizará un roteiro pola Serra do Forgoselo-Río Castro (LIC Xuvia-Castro) coa colaboración da Fundaçom Artábria. Quedaremos ás 10:00 h. na escalinata de correos en Ferrol para coller o bus que nos traerá de volta ó mesmo punto en torno ás 20 h. Outros datos do roteiro son os seguintes:

Distancia: 16,5 km.

Concellos: A Capela, As Pontes e San Sadurniño.

Dificultade: media-baixa.

Prezo: 5 € soci@s, 7 € non soci@s.

Comida e bebida: cadaquén levará a súa.

Roupa cómoda, calzado recomendado bota de montaña ou trekking, bastón.

Teléfonos para inscribirse: 661 636 946 (Miguel) e 616 039 268 (Antom).

Entre os elementos de interese do LIC Xuvia-Castro (que ten unha superficie de 2.000 ha) salientan paisaxes de montaña, ríos, penedos, brañas, turbeiras, fragas, gado salvaxe, fauna e flora peculiares, aves, cogomelos, muíños, mámoas, castelos,… Pola contra, entre as ameazas podemos citar parques eólicos, pistas, minas, eucaliptización, gandería intensiva, pastizais monoespecíficos, feísmo arquitectónico, vehículos motorizados, falla dun plano de ordeación dos recursos naturais.

No tocante ó percorrido, o roteiro partirá do cruce entre a pista asfaltada e o camiño que conduce ao curro, sinalado como “Lugar de lecer”. Dende aí faremos un percorrido circular de 6,5 km aproximadamente, chegando ata o borde mesmo da canteira de lignito situada no lugar de Cal da Uceira, no extremo nororiental da serra, e xirando alí en dirección ao curro, onde pararemos para o xantar.

Nesta primeira parte da rota apreciaremos xa a paisaxe característica do Forgoselo: unha chaira elevada entre os 450 e os 550 m de altitude, sen grandes desniveis, dominada por penedías ailladas, por matogueiras de breixos, toxos e uces e por plantacións de piñeiro bravo e piñeiro silvestre, onde o gado salvaxe pasta libremente todo o ano. Nas zonas máis baixas sitúanse as brañas, terreos enchoupados que contan cunha flora moi particular, como Drosera rotundifolia, unha planta “carnívora” chamada vulgarmente rorella ou orballiña que medra especialmente sobre brións do xénero Sphagnum.

Igualmente tomaremos contacto co Rego de Mariaqueira (topónimo que sen dúbida debe estar emparentado co bretón Locmariaquer), curso fluvial tributario do Castro que, a pesar do seu curto percorrido de apenas 4 km, conta nas súas beiras con varias especies de felgos raros e ameazados. Por suposto, nesta época do ano os fungos e os cogomelos aportan a súa nota de riqueza e cor á paisaxe.

Antes de continuar o roteiro pagará a pena botar unha ollada á mámoa situada xunto ao curro, adornada en tempos recentes cunha especie de fonte algo estrambótica. Presenta, iso si, o inevitable cono de violación típico destes xacementos arqueolóxicos, froito dos saqueadores. Trátase dunha anta con cámara adscrita ás da tipoloxía circular con corredor corto. Foi escavada no ano 1993 por Vaquero Lastres.

Deixamos a mámoa e dirixímonos ao N e despois cara ao O, seguindo os cortalumes ata chegar á pista asfaltada. Cruzámola e continuamos por outro cortalumes ata chegar a unha pista de terra, xiramos á dereita en dirección ao lugar de Vilarvello, para tomar a pista da esquerda ata Tiraz. Continuamos entre prados e felgueiras ata o lugar abandonado de Carboados, onde tomamos xa contacto coas fragas do Río Castro. Descenderemos entre elas por un peado camiño ata alcanzar a área recreativa do Pozo de Lamas, situada xunto á desembocadura do Rego de Mariaqueira no Río Castro. Dende aquí xiraremos case 360º para continuar en dirección oeste, pasando unha pequena ponte de madeira e seguindo o sendeiro do Río Castro durante 3,2 km. Pasaremos xunto ao muíño do Chileiro para chegar ao punto final do noso roteiro, o Castelo de Naraío, unha fortificación do século XIV que foi obxecto recentemente dunha máis que discutible restauración.

En termos máis xerais, no programa “Vai de roteiros!” cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsable da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de lecer máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Espazos litorais como o esteiro do Miño, treitos fluviais como as ribeiras do río Castro ou as Veigas de Ponteliñares e serras como a do Xistral ou a do Forgoselo serán o marco natural no que poder observar a fauna, a flora, as formacións xeolóxicas ou os vestixios dunha cultura, a labrega, que no seu momento respectou os ciclos da natureza. Do mesmo xeito, será difícil non ver a ocupación urbanística no litoral, ou os impactos das infraestruturas hidráulicas nos ríos e das canteiras nas serras, entre outras mostras do actual modelo de “progreso”…

Os roteiros serán anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web (www.verdegaia.org), na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.).

Programa 2013-2014

  • Decembro: Veigas de Ponteliñares (Nc de Ourense).
  • Febreiro: Esteiro do Miño (Nc de Vigo).
  • Abril: Serra do Xistral (Nc de Ferrol).
  • Xuño: Granxa en ecolóxico e carballeiras de Vedra (Nc de Compostela).