O punto de encontro para a saída deste roteiro foi o Centro de Interpretación do Parque dunar de Corrubedo. Sorprendentemente, estaba aberto (as últimas veces sempre o encontráramos pechado). Así que antes de comezar a camiñar vimos a exposición do Centro, e un documental que nos explicou o proceso de formación do parque, que se orixinou no cuaternario.

CorrubedoRoteiroFoi estupendo contar coa presenza de Diego, o noso biólogo favorito. As súas explicacións axudáronnos a mirar con ollos novos a flora e a fauna dun lugar que moitos de nós xa visitáramos máis veces.

Axudounos a entender as adaptacións das plantas a un medio tan hostil (area, vento, sol) como o das dunas. E guiou os nosos ollos cara a animais (ou as súas pegadas) que de outro modo á maioría de nós teríannos pasado desapercibidos.

Así, ao noso paso pola zona de Carregal, puidemos ver a lavandeira amarela, a chasca, ou a escribenta das canaveiras. E observar a diferencia entre unha carola rillada por un rato ou por un esquío.

Despois de chegar ao río do mar, demos a volta pola praia, pendentes da presenza da píllara, da que non chegamos a ver ningún exemplar. Cerca xa do punto de partida, comemos ao abrigo duns penedos…e ata houbo algún valente que se atreveu a tomar un baño!

Despois de comer achegámonos ao outro extremo do parque, cara a Vixán, a lagoa de auga doce. De camiño, vimos un grupo de xente que se preparaba para practicar kitesurf, un deporte que, co arrastre do material pola praia, resulta mortífero para a píllara e as súas crías. Achegámonos de novo ao Centro de Interpretación, para alertar ao vixilante. Díxonos que non pasaba nada, que non está prohibido. Ao parecer, ata nun Parque Natural é máis importante o ocio humano que a supervivencia dun animal en perigo como a píllara…

Antes de dar por rematado o día, decidimos coller o coche ata o observatorio de aves que está ao outro lado da lagoa de Vixán, só accesible pola estrada. Galiñolas, pitas de auga e gaivotas déronnos a despedida.