O pasado domingo 19 de abril un grupiño de persoas (21 que ao final quedamos en 19), amantes da natureza e da tranquilidade, fixemos un percorrido polo Río Mera que creo que moitos de nós non esqueceremos (nada que ver coa “invasión” que organizou o día anterior no Belelle o Clube de Montaña de Ferrol, con 320 participantes polo medio dunha zona LIC).

O primeiro dicir que neste roteiro usamos o FEVE como medio de transporte por dúas razóns: a primeira porque o tren é o medio de transporte máis ecolóxico (despois da bici e do “coche de San Fernando”); a segunda que nos brindaba a oportunidade de disfrutar da paisaxe da comarca dende un miradoiro privilexiado e sen présas.

Sen dúbida, a natureza que nos arrodeaba tiña xa de por si suficientes atractivos, especialmente a alfaia relicta da Fraga dos Casás, unha xenuina fraga atlántica que de miragre aínda se conserva no concello de Cerdido. Alí Rafael e José Manuel (que nos deixarían despois do xantar) faláronnos da historia e da importancia destas esquecidas fragas do Noroeste, que perviven á sombra das archifamosas Fragas do Eume, sen ter nada que envexarlles. O eucalipto vai asolagando a súa memoria, inexorable. Segundo palabras do propio Rafael, estabamos alí plantados na mesmísima Macaronesia.

Pero ademais a xornada transcurriu en perfecta camaradería, permitindo a tod@s pasar un día agradable e instrutivo, onde tod@s aprendimos de tod@s.

Houbo momentos curiosos, como o xantar a carón dos “ruidosos veciños domingueiros” na área recreativa Refuxio do Mera (o radiocasete animou a festa a ritmo de “Boney M”, entre outros).

Máis tarde a visita -gracias Cristina- ao Local Social de Ponte Noval, antiga escola de indianos (de “Instrucción y recreo”, dicían eles) convertida en albergue que, de momento, segue sen funcionar por non estar acondicionado a persoas con mobilidade reducida – e van dous anos. A rehabilitación do edificio parecéunos a tod@s exemplar. Houbo quen agradeceu moito o café. Soubemos despois por un paisano do lugar que xusto na ponte de pedra estabamos pisando o antigo Camiño Real, que comunicaba as comarcas de Ferrol e do Ortegal, ata Viveiro.

Pero non todo foi coser e cantar, o sendeiro poñíase ás veces dificultoso debido á moita auga caída nos días anteriores e aos obstáculos que os humanos da zona e o ciclón Klaus lle foran engadindo. Pode que houbera algunha caída, sen maiores consecuencias espero.

Ao final houbo que apretar un pouquiño o paso, porque o tren non espera e, en xeral, o persoal non tiña ganas de durmir en Ponte Mera. Non houbo tal, e finalmente tod@s puidemos regresar a casa coa memoria chea de imaxes gratificantes.

Dende o núcleo de Verdegaia-Ferrol, grazas a tod@s os que participastes neste roteiro.

Esperámosvos no seguinte.