Verdegaia organiza o sábado 12 de Agosto un roteiro en Redondela polo río Fondón e o Monte Penide. O paseo constará de dúas partes, unha parte diúrna na que imos observar e interpretar o patrimonio natural da zona e unha parte nocturna na que imos realizar unha observación astronómica aproveitando a noite de maior intensidade das Perseidas.
A primeira parte discorre polas beiras do río Fondón, onde atoparemos unha das maiores concentracións de muíños da comarca e unha alta biodiversidade autóctona. Así que non perdas este roteiro se desexas aprender a identificar e coñecer árbores e plantas como:
- Sobreira
- Acivro
- Freixo
- Vido
- Pereira brava
- Herba Salgueira
- Amieiro
- Rañacú
- Xilbardeira
- Grande variedade de fentos
Na segunda parte do roteiro realizaremos unha observación astronómica aproveitando que a noite do sábado será a mellor noite para deleitarnos coa chuvia de meteoros máis esperada do ano: as Perseidas.
Recoméndase levar algo de comida, bebida e roupa de abrigo porque semella que na fin de semana as temperaturas serán bastante máis frescas que nestes días.
O punto de saída será na igrexa de Trasmaño ás 19:00 (42°16’21.9″N 8°39’23.9″W), de modo a minimizar as emisións tentaremos ir en coches cheos, podes contactar co 691 657 039 para compartir vehículo ou calquera información adicional.
