Verdegaia organizará o vindeiro domingo 18 de abril un novo roteiro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros! polo litoral vigués. Sairemos ás 10:30 h. da praia de Fontaíña, diante do Bar Breadouro (Rúa Canido, nº 32), a carón da praia do Vao.
Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.
O percorrido previsto seguirá a costa vigues, dende a praia de Fontaíña ata chegar á praia de Coídos, en Cabo Estai.
Entre os valores naturais que alberga o litoral vigués poderemos atopar unha boa representación de flora dunar característica (Otanthus maritimus, Linaria polygalifolia, Medicago marina, Calystegia soldanella, Crucianella maritima, etc), interesantes e ricas zonas intermareais, así como unha variada comunidade de aves tipicas de zonas costeiras (corvo mariño, virapedras, garza real, garzota, carrán, etc). Ademáis, desfrutaremos das variadas formacións xeolóxicas da zona: dunas, rochedos, praia de coídos…
O percorrido é de dificuldade baixa e realizarase coa axuda de dous guías da asociación que darán explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se vaian observando ao longo da xornada.
O roteiro durará toda a mañá. Cómpre levar calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.