Santiago de Compostela conta dentro da súa trama urbana cunha illa de biodiversidade, salvada durante o proceso de urbanización do barrio de Fontiñas. Verdegaia organiza un roteiro polo Campo de Cotaredo para o vindeiro Domingo día 30 de Marzo, ás 11 horas con saída desde o centro sociocultural de Fontiñas, para coñecer a zona ante o inminente peche, e denunciar a destrución deste paraxe na cidade.

O chamado descampado de Fontiñas é un espazo de máis de 44.000 m2 situado entre a rúa Berlín e a avenida de Lugo, a rúa Fonte dos Concheiros e a rúa de Fontiñas. Lonxe do que o seu nome ("descampado") puidese indicar, esta área conta con valores patrimoniais (alberga unha aldea, Cotaredo, alén de varias casas, fornos e hórreos) e naturais (cunha mestura de diferentes hábitats: bosque de ribeira, hortas abandonadas hai poucos anos, prados e leiras organizadas en socalcos,…).

A existencia desta xoia patrimonial e natural no interior da cidade foi posíbel grazas a que os trámites para a compra dos terreos (previa á edificación) demorou 7 anos, mais para esta primavera está previsto o inicio da súa urbanización.

O valor excepcional desta área foi recoñecido mesmo polo mundo da cultura, e arestora este "descampado" está a ser obxecto dun proxecto artístico (organizado polo CGAC en colaboración coa Concellaría de Urbanismo de Compostela) que convida a visitala, denantes de ser destruída.

Dende Verdegaia, denunciamos a destrución innecesaria dun espazo verde, salvaxe e natural. Innecesaria porque nun concello con 8.000 vivendas baleiras (datos do INE) a prioridade (desde un punto de vista ambiental e social) sería poñer en uso esas vivendas e protexer os anacos de biodiversidade que aínda perviven na cidade. É lamentábel que a mesma Concellaría que cofinancia un proxecto artístico ensalzando os valores naturais deste espazo promova ao mesmo tempo a súa desaparición.

Por outra banda, este concello, que presume de ser un dos que presenta maior número de zonas verdes por habitante, amosa un modelo de zona verde totalmente artificial e estéril, que perpetúa o ecosistema a vivir permanentemente en fase xuvenil, empregando para iso cantidades inxentes de herbicidas e fertilizantes químicos, moi daniños para o medio ambiente.

No concello de Compostela, onde se expropian hortas para facer parques, nos que logo se fan hortas, a conservación das terras de cultivo dos campos de Cotaredo debería ser unha prioridade. Ademais, pedimos reflexión por parte da Concellería de Urbanismo sobre a necesidade de construción no descampado de Fontiñas e animamos á cidadanía a manifestar o seu desacordo con este proxecto que nos privará, xa para sempre, de disfrutar deste espazo natural dentro da cidade.