Canón do Barbanza miradoiroNo marco do programa Vai de Roteiros, o domingo 22 de abril, Verdegaia organiza un roteiro de 10 quilómetros de lonxitude pola Serra do Barbanza no que as persoas asistentes terán oportunidade de apreciar a riqueza natural e paisaxística da comarca, observar exemplos do seu patrimonio megalítico e valorar os impactos das intervencións humanas alí efectuadas.

A saída será as 9:30 da mañá, o domingo 22 de abril, na entrada da Estación de Autobuses de Compostela. De alí colleremos un autobús que nos levará ao Miradoiro da Curota, dende o que obteremos unha visión panorámica da comarca. Empezaremos a camiñar uns 2 quilómetros cara ao norte, onde remata a pista asfaltada; descenderemos polo Canón do Barbanza, preto do parque eólico Barbanza II, e iremos seguindo o curso do río Pedras, pasando por Aldea Vella, ata chegar a Lesón, onde nos recollerá o autobús. A duración total da actividade dependerá do ritmo das persoas asistentes, pero estaremos de regreso na Estación de Autobuses cara ao fin da tarde.

Acompañaranos Ramón Sampedro, unha persoa que coñece ben a zona e ten experiencia como guía de excursións a pé, para compartir connosco os seus coñecementos sobre o medio natural, o patrimonio histórico e o impacto humano no Barbanza.

O traxecto ten unha lonxitude duns 10 quilómetros e practicamente todo el é un descenso suave, de modo que a actividade é apta para persoas de todas as idades e implica escaso esforzo físico. Ademais, iremos facendo paradas para observar os distintos fitos da paisaxe e coller folgos. Así e todo, é necesario que as persoas asistentes leven calzado axeitado para andar, roupa cómoda e de abrigo e un impermeable, así como a auga e comida necesarias para pasar un día no monte.

 

 

Pregamos ás persoas interesadas que se inscriban enviándonos o seu nome e datos de contacto a compostela@verdegaia.org, antes das 14:00 do venres 20 de abril.

 

Para máis información, consulta a nosa páxina web (www.verdegaia.org) ou déixanos un correo na noso enderezo (compostela@verdegaia.org). Se é preciso, tamén podes chamar por teléfono á persoa encargada da organización da actividade (Alex- 646215729).

 

Data: 22 de abril.

 

Saída: Ás 9:30, da estación de autobuses de Compostela.

 

Dificultade: baixa.

 

Material necesario: calzado axeitado para andar, roupa cómoda e de abrigo, impermeable, auga e comida.