Hora de saída: 10:00 h na escalinata de Correos en Ferrol para coller o bus
Hora de regreso: 20:00 h.
Distancia: 7,5 km
Concellos: Cedeira e Cariño
Dificultade: media-baixa
Prezo: 6 € soci@s, 9 € non soci@s.
Comida e bebida: cadaquén levará a súa
Roupa e calzado cómodos
Inscrición: 661636946 (Miguel) e 616039268 (Antom)
Un percorrido que nos achegará a un dos espazos protexidos máis valiosos e de maior beleza paisaxística de Galicia que, por desgraza, sufre un deterioro continuo motivado principalmente polo cultivo incontrolado de eucaliptos, pola proliferación de parques eólicos e pola minaría. A Serra da Capelada agocha especialmente unha grande riqueza florística, con moitas especies que só se atopan aquí e nas serras do interior de Galicia (con plantas dos xéneros Fritillaria, Iris, Pinguicola, Gentiana, etc, ou os rarísimos felgos propios das selvas macaronésicas Hymenophyllum wilsonii, Davallia canariensis e Culcita macrocarpa, entre outros).
A andaina comeza na canteira abandonada de Purrido. Dende aquí colleremos un camiño que sube cara o monte Tarroiba e nos permite disfrutar de boas vistas do Faro da Candieira. Dende o alto poderemos ver aos nosos pes o lugar de Chímparra, á dereita, e de fronte ao lonxe o noso destino final, Santo André de Teixido.
Aquí comeza unha baixada pronunciada por un sendeiro en mal estado ata chegar á zona de Balvís. Fican á nosa esquerda fabulosos cantís cortados a pico con case 300 m de altura. Subimos agora unha suave pendente entre eucaliptos e piñeiros (salpicados por matos de Erica mackaiana) ata chegar ao lugar de Prados de Arriba.
Aquí o camiño comeza a achaiarse, levando sempre a compañía á esquerda dos cantís con pendentes próximas ao 100%. Á altura de Fontá remata o dominio abafante do eucalipto e entramos en terras de matogueiras e piñeirais de repoboación. As matogueiras están conformadas básicamente por toxo (Ulex europaea) e diversos breixos (Erica sp.). Albiscamos xa a enseada de Santo André, coa praia de Cortes aló embaixo dominada por un impoñente circo rochoso. Esta zona foi usada noutros tempos para a cría de gado (de aí o nome), e deste feito son testemuña muda os restos de muros que aínda quedan no borde do cantil. Superada a zona de Cortes, pasamos xunto ao repetidor de TV para coller o camiño de baixada a Santo André. Alí está previsto facer o xantar.
Tras facer un merecido descanso (con café ou infusión incluído) e visitar a igrexa, colleremos de novo o bus, que nos levará máis cómodamente a ver outros dous puntos de gran interese: a garita de Herbeira, que dende os seus 611 m de altura domina un acantilado considerado por algúns o máis alto de Europa, e o Cabo Ortegal, cos seus famosos tres Aguillóns. Se imos ben de tempo poderemos facer unha última visita, á vila de Cariño, antes de regresar a Ferrol.