foz_minhor.jpgVerdegaia organiza un roteiro pola Foz do río Miñor e a “Devesa da Costa” (concellos de Nigrán e Baiona) o vindeiro domingo 10 de febreiro. Sairemos en bus de liña da estación de autobuses de Vigo ás 9:45 h. e chegaremos á Foz do río Miñor arredor das 10:40 h. para comezar a camiñar por este espazo natural dende o seu extremo Norte, no Monte Lourido. A volta está prevista á estación de autobuses de Vigo a media tarde. 

O itinerario previsto será o seguinte: Monte Lourido, marismas da Ramallosa, Ramallosa, praia de Ladeira, Sabarís, río da Groba, aldea de Oliveira, “Devesa da Costa”, río da Groba, Sabarís.

Entre os valores naturais que observaremos está o LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) das marismas da Ramallosa que conta, entre outros, cos seguintes hábitats incluídos na Directiva 92/43/CEE: pasteiros de Spartina (Spartinion maritimi), pasteiros salinos atlánticos (Glauco-Puccinellietalia maritimae) e mato halófilo mediterráneo e termoatlántico (Sarcocornetea fruticosi).

Ademais, esta zona húmida de marismas -protexidas do mar aberto pola barra de area da praia de Ladeira- alberga unha rica fauna con especies tan interesantes como a lontra (Lutra lutra), a comunidade de aves acuáticas entre as que salientan as garzas cincentas (Ardea cinerea), as garzotas (Egretta garzetta), os mazaricos (Nuenius sp. e Limosa sp.), o biluricos bailóns e pativerdes (Actitis hypoleucos e Tringa nebularia), o picapeixe (Alcedo atthis) e un bo número de especies de moluscos bivalvos que fan deste lugar unha importante zona marisqueira.

Outro ecosistema que visitaremos son as dunas da praia de Ladeira que contan con moitas especies típicas das dunas galegas tais como as carrascas de San Xoán (Otanthus maritimus), a leiteiriña de duna (Euphorbia paralias), os liñaceiros (Carduelis cannabina) a pesar de verse reducidas en superficie pola construcción dun camping sobre as mesmas a finais do século pasado, que incluso contou coa construcción dunha ringleira de bungalows ilegais e pegados ao mar non hai moito tempo.

Outros valores naturais que observaremos durante a mañá serán a fauna e flora da zona intermareal como a pulga de area (Talitrus saltator), os mexilóns (Mytilus galloprovincialis), os apegóns (Actinia equina), os canoucos (Laminaria sp.), os botellos (Fucus vesiculosus) entre outras. Se temos sorte tamén poderemos ollar os golfiños comúns (Delphinus delphis). Xa ao mediodía, xantaremos ao carón da aldea de Oliveira na “Devesa da Costa”, claro exemplo ben conservado de carballeira costeira atlántica onde se poden atopar especies coma o carballo (Quercus robur), a sobreira (Quercus suber), o rusco (Ruscus aculeatus), o pé de galiña (Aquilegia vulgaris), entre outras. Esta devesa tamén serve de testemuña intemporal da integración do mundo rural no medio natural xa que a fraga está “salpicada” de campos, prados…

Entre os valores históricos que coñeceremos están a ponte medieval da Ramallosa sobre o río Miñor, e a ponte do mercado de Sabarís e a pontella de Oliveira sobre o río Groba.

O percorrido é de dificuldade baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se irán observando ao longo da xornada.

O roteiro durará o día enteiro polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.

Esta actividade organízase en transporte público colectivo e para chegar á estación de autobuses pódese coller a liña C4C do autobús urbano, para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo do cambio climático.

Para máis información: Diego Rodríguez Vieites, Vicecoordenador Xeral de Verdegaia (670 784 919).