Sobre a Serra da Groba pesa unha ameaza, unha máis das que ultimamente caen sobre o Val Miñor: o proxecto de instalación dun parque eólico que destruiría ese espazo natural e cultural. Por ese motivo, este venres 29 de setembro realizaremos un marabilloso Roteiro Nocturno Reivindicativo pola serra ameazada, no que descubriremos a súa riqueza histórica, xeolóxica e natural. O valor estrela da serra e o petroglifo da Laxe Cruzada, que contén o labirinto gravado máis grande de Europa, sobre o que queren chantar dous muíños aeroxeradores. 

O roteiro partirá da Cruz de Pao (cemiterio neolítico) ás 20:30 horas, para rematar na Laxe Cruzada. Ao longo do mesmo, repasaremos o patrimonio cultural, histórico, natural e xeolóxico que podemos atopar na Serra da Groba, onde se queren instalar 21 muiños aeroxeneradores de 2,3 megawatios. De se aprobar este proxecto, denominado Albariño I, o proceso de destrucción da serra continuaría cos denominados Albariño II e Albariño III, e coas subertacions eléctricas e tendidos necesarios para transferir a rede máis enerxía da que a nosa comarca pode consumir.

O paseo estará guiado e comentado polo arqueólogo Xosé Lois Vilar, e á luz indirecta das lanternas veremos (mellor que de día) numerosos petroglifos ao longo do percorrido e aprenderemos un pouco máis dos valores que a Serra da Groba atesoura. A marcha a pé durará aproximadamente dúas horas (ida e volta). Non reviste dificultade, pero recomendamos levar calzado adecuado e roupa de abrigo. Non o perdas, será unha noite memorable. Haberá sorpresas e momentos únicos.

Pontos de encontro previo:

Praia de Santa Marta (Baiona) Hora 19:45

Chan da Lagoa (despois da Virxe da Roca) Hora 20:00

 

Máis información: 647 965 193